O espectáculo “Aquí Tou” estrea o xoves o novo auditorio do Centro Cultural cun cheo absoluto
A recadación pola venda das entradas entregarase integramente á Asociación Galega de Trasplantados de Médula Ósea e Enfermidades Oncohematolóxicas (Asotrame)
O espectáculo de comedia en directo “Aquí Tou”,
protagonizado polo cómico e actor Xosé A. Touriñán, estreará este xoves ás 20.30
horas o novo auditorio do Centro Cultural de Sigüeiro cun cheo absoluto, ao
completarse o aforo de 165 butacas.
O alcalde, Luis Rey, que supervisou esta mañá os últimos retoques no interior do
auditorio acompañado polos concelleiros Antonio Leira e Beatriz Rodeiro, anunciou
que a totalidade da recadación pola venda das entradas entregarase integramente á
Asociación Galega de Trasplantados de Médula Ósea e Enfermidades
Oncohematolóxicas (Asotrame).
“A falta dalgúns remates no exterior que non quixemos apurar debido ao mal tempo
das últimas semanas, decidimos abrir igualmente o auditorio porque o interior xa
está finalizado ao cento por cento e dános moito xogo para comezar a programar
actividades e espectáculos de primeira magnitude como este monólogo de
Touriñán”, salientou o alcalde.