subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O Concello de Oroso e a Consellería de Política Territorial acordan construír dúas novas sendas peonís no municipio.


As obras comezarán en outono e inclúen tamén a instalación de beirarrúas na estación de Garga-Trasmonte.

O alcalde de Oroso, Manuel Mirás, e o delegado provincial da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, Alberto González Fernández, acordaron a construción de dúas novas sendas peonís no municipio de Oroso. Dúas actuacións que suporán a construción de máis de dous quilómetros de sendas peonís para o aproveitamento dos veciños nas parroquias de Oroso e Trasmonte.

Manuel Mirás amosouse moi satisfeito por este acordo xa que “a realización deste tipo de sendas peonís mellorará a seguridade viaria dos nosos veciños e veciñas, que disporán de lugares por onde camiñar e pasear seguros”. As obras comezarán o vindeiro outono e a Xunta correrá con todos os investimentos precisos.

O primeiro destes proxectos terá lugar na parroquia de Oroso, sobre unha extensión de 1,3 quilómetros que separan o remate da zona urbana do Portiño (Sigüeiro) coas beirarrúas de Estación de Vilacide. Será unha senda de dous metros de ancho, cunha base de zahorra artificial compactada e con quince centímetros de formigón. Un proxecto que incrementará de sobre maneira a seguridade viaria dos veciños e veciñas que se achegan a pé dende Vilacide ata Sigüeiro, xa que na actualidade este tramo carece de beirarrúas.

A segunda senda peonil terá unha lonxitude menor, concretamente de 900 metros ao longo da estrada AC-460, na parroquia de Trasmonte. Trátase dunha senda peonil de 1,8 metros de ancho e das mesmas características que a da parroquia de Oroso. De feito, Manuel Mirás destaca que nun futuro próximo estas dúas sendas peonís veranse complementadas coa futura “Vía verde”, que unirá Santiago, Oroso e Ordes.

Beirarrúas na estación de Garga-Trasmonte

Esta senda peonil rematará á altura da estación de Garga (Trasmonte), onde o Concello de Oroso e a Consellería de Política Territorial van acometer outra importante obra para dotar de beirarrúas a esta zona. Unhas beirarrúas cun ancho de plataforma de dous metros que comezarán a construírse en outono.

Estas tres actuacións están enmarcadas dentro do plan de mellora da calidade de vida dos veciños e veciñas do municipio que está a levar a cabo o Concello de Oroso. Un plan que inclúe tamén a unión dos polígonos industriais do municipio (Sigüeiro, Oroso Pequeno e San Martiño II) a través de senda peonís e mesmo dotalos de carril bici. Ademais, o Concello de Oroso traballa nun proxecto para construír unha senda para peóns e bicicletas dende o enclave do Refuxio ata a altura da urbanización de Porto Avieira.

Estes proxectos únense á que se converterá na gran zona de ocio do municipio: o paseo fluvial do Rego Carboeiro unha vez finalizado o obradoiro de emprego para acometer a recuperación ambiental de 30.000 metros cadrados situados na marxe dereita do río Carboeiro. Un proxecto orzamentado en máis de 1,1 millóns de euros e que suporá unha transformación definitiva de Sigüeiro nun magnífico lugar onde vivir, cunha gran zona para o lecer de 60.000 metros cadrados situada en pleno centro da vila.