subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

Luis Rey anuncia para 2023 o ciclo “HumOroso” dentro da programación cultural estable do novo auditorio


O espectáculo “Aquí Tou”, de Xosé A. Touriñán, rexistrou na estrea deste espazo cultural “o primeiro cheo ata a bandeira”

A recadación íntegra de 1.650 euros foi entregada á Asociación Galega de Trasplantados de Médula Ósea e Enfermidades Oncohematolóxicas (Asotrame)

orosoO alcalde de Oroso, Luis Rey, anunciou na noite de onte durante a estrea do auditorio do Centro Cultural Fernando de Casas Novoa de Sigüeiro que o goberno local está a traballar xa “na elaboración dunha programación cultural estable” para este novo espazo na que o humor terá “un protagonismo importante”. Concretamente, o rexedor adiantou que unha das actividades previstas para o primeiro trimestre de 2023 é o ciclo de humor “HumOroso”, no que se agarda contar coas actuacións dos principais monologuistas galegos.

Antes de gozar co monólogo “Aquí Tou”, de Xosé A. Touriñán, o rexedor local amosouse “moi feliz” polo feito de “poder estrear un auditorio que por razóns alleas ao concello doulle bastantes dores de cabeza ao goberno local, pero que agora xa está dispoñible para a celebración de actividades teatrais, musicais, infantís e culturais en xeral”. “Aínda quedan por rematar algúns detalles no adecentamento exterior do edificio e no axardinamento, pero como o interior xa está en perfecto estado de revista non quixemos demorar máis a apertura ao fin de que a veciñanza poida gozar das comodidades do auditorio nas actividades culturais que xa comezarán a celebrarse nel desde esta mesma fin de semana”, indicou Luis Rey.

O alcalde tamén agradeceu a asistencia das 165 persoas que ateigaron o patio de butacas, “no primeiro cheo ata a bandeira do novo auditorio”, porque o importe das súas entradas (1.650 euros) foi entregado integramente á Asociación Galega de Trasplantados de Médula Ósea e Enfermidades Oncohematolóxicas (Asotrame), que estivo representada polo seu vicepresidente e coordinador da área de Santiago, Mario Álvarez; a psicóloga Isabel García; e o voluntario/colaborador e veciño de Oroso Martín Mosquera.