subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

Oroso estrea na biblioteca unha sala intelixente que funcionará as 24 horas dos 365 días do ano


Os usuarios só teñen que solicitar na biblioteca un código persoal que lles permitirá acceder a través dun sistema de apertura automatizado

A sala conta con 26 postos de estudo e conexión wifi, ademais dun sistema de videovixilancia para garantir a correcta utilización das instalacións

orosoO alcalde de Oroso, Luis Rey, e varios compañeiros/as do goberno local acudiron na noite de onte á estrea da nova “sala intelixente” da biblioteca municipal de Sigüeiro, que xa comezou a funcionar cun horario permanente: as 24 horas do día, os 365 días do ano.

Esta “sala intelixente” conta cun sistema de apertura automatizada que permite acceder ao seu interior a calquera hora do día e da noite cun código numérico individual que toda persoa interesada pode solicitar na biblioteca de forma gratuíta.

Ademais de acondicionar o exterior destas novas dependencias e de instalar o sistema de acceso automatizado, o concello dotou a esta “sala intelixente” do mobiliario necesario para habilitar 26 postos de estudo, ademais de conexión wifi e un sistema de videovixilancia para garantir a correcta utilización das instalacións.

O alcalde, Luis Rey, que onte acompañou aos primeiros usuarios na estrea das instalacións, explicou que trátase “dunha iniciativa pioneira dirixida principalmente aos estudantes e aos opositores e que se implanta en Oroso a proposta dun grupo de mozos”. “Divulgade a existencia deste novo servizo entre os vosos compañeiros e amigos, utilizádeo para estudar e, sobre todo, coidádeo”, pediulle aos mozos e mozas presentes.