subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

Regulamento para a creación e funcionamento do rexistro municipal de unión de parellas de feito no concello de oroso. (B.O.P Nº161)


EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

 

Sendo coñecedores da inquedanza política e social respecto de que as parellas de feito vexan garantido o seu dereito á non discriminación social, baseándose no dereito de igualdade recoñecido no artigo 14 da Constitución española.

Considerando que o libre desenrolo da personalidade e da igualdade ante a lei dos cidadáns, que constitúen algúns dos principios fundamentais do ordenamento xurídico e social, demandan de tódolos poderes públicos a obriga de promovelas condicións para que esta liberdade e a igualdade das persoas e dos grupos en que se integran sexan reais e efectivas, debendo esquiva-los obstáculos que dificulten e impidan a súa plenitude conforme o previsto nos artigos 1.1, 9.2, 10.1 e 14 da Constitución e o artigo 4.2 do Estatuto da Autonomía para Galicia.

E seguindo coa Constitución española, o artigo 32 comtempla o dereito a contraer matrimonio con plena igualdade xurídica, o que conleva, a "sensu contrario" o dereito a non contraelo sen que por iso se deriven circunstancias particulares ou discriminatorias.

Coidando que o mesmo Parlamento Europeo, en canto ás parellas de feito, xa recomendou o fin das discriminacións por motivo da orientación sexual e a equiparación de dereitos das parellas de homosexuais e lesbianas ó matrimonio, se ben a realidade lexislativa presenta unha lagoa no tratamento destas unións libres e soamente no terreo das pensións de viudez para os supostos en unións non matrimoniais heterosexuais se deron algúns pasos e, mesmo, noutros supostos a lexislación equiparou ó cónxuxe a "análoga relación de afectividade" (artigos 23 e 454 do Código penal, artigo 101 do Código civil, etc.). Estes preceptos son indicativos de que as relacións permanentes de afectividade análogas á matrimonial comenzan a ser atendidas en determinados e peculiares casos e dotadas de certos efectos polo ordenamento xurídico.

Considerando que a esixencia constitucional de igualdade e liberdade está dirixida a tódolos poderes públicos e por iso, ata que non se dé unha resposta lexislativa nos diversos ámbitos competenciais, e sen prexuízo da aplicación análoga ou dunha interpretación xudicial adecuada á realidade social do noso tempo (artigo 3 e 4 do Código Civil), dita obriga recae nas administracións públicas locais, coa condición de prestación de servicios e mellora destes, e polo que o Concello de Oroso pretende dotarse dun instrumento xurídico que favoreza á igualdade e garanta a protección social, económica e xurídica das familias constituidas mediante unións non matrimoniais, con independencia da súa orientación sexual.

Así, e coa finalidade de que poida quedar constancia no ámbito da Administración municipal, tanto para os efectos de inscrición no padrón municipal de habitantes como do resto de asuntos e servicios por conta do Concello, sen prexuízo doutras finalidades que poidan considerarse lexítimas e sen que en ningún caso isto poida representar alteración ou intromisión nas competencias que correspondan a outros organismos, como é o recoñecemento doutras maneiras de proba da convivencia, apróbase o regulamento seguinte:

 

ARTIGO 1º .- OBXECTO.

E a creación no Concello de Oroso dun Rexistro municipal de parellas de feito, de carácter administrativo e para o cumprimento das competencias propias deste, co obxecto de se inscribiren as unións de feito que convivan sen estares casadas e sen outra relación de parentesco, con independencia da súa orientación sexual, de xeito totalmente voluntario e sen prexuízo de que estas poidan probarse doutro xeito.

 

ARTIGO 2º .- ÁMBITO.

Terán acceso a este Rexistro as unións non matrimoniais de convivencia de parella sen outra relación de parentesco, con independencia da súa orientación sexual e cando os dous membros estean empadroados no Concello de Oroso.

 

ARTIGO 3º .- INSCRICIÓNS E REQUISITOS.

Inscribiranse as declaracións de unións non matrimoniais entre parellas no Rexistro municipal de unión de feito solicitadas en instancia subscrita polos dous membros da unión.

A instancia ou solicitude debe acompañarse de documentación acreditativa de cumprimento dos requisitos mínimos estabrecidos para a inscrición no rexistro:

- Ser maiores de idade ou menores emancipados, acreditándose coa fotocopia do documento nacional de identidade ou documentos acreditativos da emancipación, de conformidade co establecido no artigo 314 e seguintes do Código civil.

- Non ter relación ou parentesco en grado ningún en liña recta ou en liña colateral por consanguinidade dentro do segundo grao.

- Non ter sido declarados incapacitados ou estar incursos nas prohibicións recollidas nos artigos 46 e 47 do Código civil, achegando declaración responsable para tal efecto.

- Presentación de certificado do estado civil dos interesados e mais unha declaración de cada un dous membros da parella de non figurar como membros doutras unións de feito non canceladas ou anuladas.

- Estar empadroados, ámbolos dous membros, no Concello de Oroso. Para tal efecto, formulada a solicitude de inscripción, polo funcionario/a responsable do Padrón municipal, expedirase informe ó respecto.

- Manifestación de atoparse en pleno exercicio da súa capacidade de obrar e que actúa con consentimento libre e voluntario.

 

ARTIGO 4º .- EXTINCIÓN.

1. A extinción da unión terá que practicarse necesariamente, xa por morte, ou por vontade ou a solicitude dun dos membros.

2. Soamente as inscricións que se refiran á extinción da unión de feito poderán efectuarse a instancia dun só dos seus membros, sendo necesario para a disolución efectiva demostrar que o feito está en coñecemento das dúas partes ou, exclusivamente, da parte que propón a disolución de estar demostrado o abandono efectivo da convivencia coa parella, a través de documentos que así o acrediten (baixa no padrón de habitantes, cambio de enderezo ou acta notarial).

 

ARTIGO 5.- DECLARACIÓN E ACTOS INSCRIBIBLES.

Serán obxecto de inscrición:

 

3. As declaracións de constitución de unións de feito así como a extinción destas.

4. Os contratos reguladores das relacións persoais e patrimoniais entre os membros da unión de feito.

Non poderá efectuarse inscrición algunha no Rexistro municipal de parellas de feito sen o consentimento conxunto dos membros da unión de feito, agás o previsto no apartado segundo do artigo 4 deste regulamento.

 

ARTIGO 6.- EFECTOS.

As inscricións no rexistro declaran os actos rexistrados, pero non afectan á súa validez nin ós efectos xurídicos que lle sexan propios e que acontezan á marxe deste.

 

ARTIGO 7.- PUBLICIDADE.

O libro de Rexistro municipal de unións de feito non terá carácter público. A súa publicidade quedará limitada exclusivamente á expedición de certifificacións dos asentos por parte do funcionario encargado deste, e a petición de calquera dos membros da unión interesada.

Expediranse certificacións ou informes sempre que sexan requeridos polas autoridades xudiciales.

ARTIGO 8.- ÓRGANO COMPETENTE.

O Rexistro municipal de unións de feito estará ó cargo da Secretaría Xeral do Concello de Oroso, podendo delegarse a súa xestión administrativa a calquera outra unidade administrativa deste Concello.

 

ARTIGO 9.- LIBRO DE REXISTRO.

O rexistro materializarase nun libro xeral no que se practicarán as inscricións das parellas de feito do Concello. O libro compoñerase de follas correlativamente numeradas, foliadas e seladas, e encabezarase e rematarase coas dilixencias correspondentes de apertura e de peche.

A primeira inscrición de cada parella que constitúan unha unión non matrimonial de convivencia terá carácter de inscrición básica e na marxe desta anotarase ó número das páxinas do libro xeral nas que existan anotacións que lles afecten e que acheguen os membros da parella.

 

ARTIGO 10.- GRATUIDADE.

As inscricións terán carácter gratuito, así como as modificacións ou as baixas.

 

ARTIGO 11.- RÉXIME XURÍDICO.

O incumprimento das condicións para a inscrición da unión ou calquera outro aspecto de legalidade dos feitos inscribibles permitirán ó funcionario encargado do rexistro elevar a consideración do Alcalde, a desestimación da inscrición, a que será notificada debidamente motivada.

 

A declaración de oficio, e outras nas que sexa necesario, da disolución ou extinción da unión, corresponderá ó Señor Alcalde, previo expediente incoado e impulsado polo funcionario encargado de rexistro.

Contra as desestimacións de inscricións e extincións, caberán os recursos correspondentes como actos administrativos.

 

DISPOSICIÓN FINAL

 

Por parte da Alcaldía - Presidencia do Concello de Oroso, dictaranse cantos acordos e resolucións administrativas sexan precisas para o desenvolvemento e execución do presente regulamento.

 

DISPOSICIÓN ADICIONAL

 

O presente regulamento entrará en vigor unha vez publicado de conformidade co previsto na legislación de réxime local.