subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

IX Concurso de Tapas de Oroso "de tapa en tapa"


Bases do Concurso

BASE PRIMEIRA: Obxecto do Concurso
O obxecto do presente concurso é acadar un maior número de visitantes ao concello de Oroso e dinamizar a nosa hostalería, ao tempo que se promove a gastronomía local e as posibilidades do Concello de Oroso en materia de turismo.

BASE SEGUNDA: Participantes
Poderán concursar os establecementos de hostalería do ámbito municipal de Oroso.

BASE TERCEIRA: Datas e duración do Concurso
Esta novena edición do concurso de tapas de Oroso levarase a cabo no mes de xuño, concretamente os días 1, 2, 3, 8, 9 e 10.

BASE CUARTA: Desenvolvemento do Concurso
Cada establecemento deberá elaborar de un máximo de dúas tapas. O prezo de cada tapa será de 1€. Unha vez degustada polo cliente, o establecemento selaralle o boleto, para poder participar no concurso e ter acceso aos premios.

BASE QUINTA: Valoración da Tapa
1. Concepto de tapa, presentación, empratado e sostibilidade
2. Texturas, olores, e punto de cocción/elaboración
3. Complexidade, creatividade e orixinalidade da receita
4. Ingredientes produtos de Galicia
5. Sabor

BASE SEXTA: Número de Tapas
Aceptaranse como máximo dúas tapas, unha por día. Sendo aceptable tamén unha única tapa para participar os seis días.

BASE SÉPTIMA: Horario de degustación das tapas
Será de carácter obrigatorio para todos os establecementos participantes servirlle as tapas ao público nunha franxa horaria acordada polos participantes e a organización do concurso. Este horario fíxase da seguinte maneira: Os venres de 20:00-23:30h, os sábados de 12:00-15:00h e de 20:00-23:30h e os domingos de 12.00 -15.00h.
Este horario sempre poderá ser aumentado polos locais participantes se así o desexan pero en ningún caso reducido .

BASE OITAVA: Votación
Premio do público: Deberán de terse en conta os criterios fixados na base quinta. A cada establecemento entregaráselle unha urna selada pola organización do concurso. No boleto de selado, no apartado dedicado para tal fin, os degustadores poderán votar polo establecemento que fixera a mellor tapa. Logo deberán depositalo en calquera das urnas que atoparán nos establecementos participantes.

Premio do xurado: O xurado designado polo organización do evento para a valoración das tapas presentadas terán en consideración os seguintes criterios:
1. Concepto de tapa, presentación, empratado e sostibilidade (Ata 5 puntos)
2. Texturas, olores, e punto de cocción/elaboración/textura (Ata 5 puntos)
3. Complexidade, creatividade e orixinalidade da receita (Ata 5 puntos)
4. Ingredientes produtos de Galicia (Ata 5 puntos)
5. Sabor (Ata 10 puntos)

BASE NOVENA: Nº de selos
Serán necesarios 4 selos de distintos bares para poder votar e entrar no sorteo dos premios.

BASE DÉCIMA: Premios
Os premios serán os seguintes:

PREMIO PARA OS ESTABLECEMENTOS
Estableceranse un total de dous premios para os bares participantes.
Premio do público: (300 €)
Premio do xurado: (300 €)
Ditos premios non serán acumulativos, é dicir, cada bar soamente poderá acadar un dos premios. No caso de empates os premios poderán ser divididos + DIPLOMA QUE O ACREDITA COMO GAÑADOR DA CATEGORÍA CORRESPONDENTE POLO CONCELLO DE OROSO.

PREMIOS PARA OS CLIENTES
Sortearase entre todos os boletos debidamente selados polos establecementos e cumprimentados cos datos persoais de cada cliente, por orde de saída das papeletas:
Unha tablet
Un bono regalo estancia nun balneario ou similar
4 vales da compra en supermercados do concello (2 vales de 100€ e 2 vales de 50 €)

Só se admitirán os boletos que se atopen no interior das urnas repartidas polos establecementos.

BASE DÉCIMO PRIMEIRA: Sorteo e entrega de premios
A organización fixará unha data para o sorteo dos premios dos establecementos e do público, que será comunicada aos establecementos participantes e aberto ao público en xeral.
Posteriormente, celebrarase un acto de entrega de premios, que será comunicado a todos os premiados.

BASE DÉCIMO SEGUNDA: Publicidade e material de difusión
A cada establecemento entregaránselle carteis que deberán poñer á vista no seu local para darse a coñecer como participantes. A organización encargarase de darlle publicidade ao dito acontecemento de todas as formas posibles para acadar así unha maior presenza. Isto inclúe os seguintes medios:
1. Páxina web do Concello de Oroso.
2. Carteis por todo o Concello e no resto da comarca, así como tamén nos concellos máis próximos a Oroso que non pertenzan á comarca.

O Concello de Oroso será o encargado de editar as revistas informativas do concurso, cos boletos de selado, nos cales figurarán os locais participantes, as tapas que ofertarán e a localización dos locais.
Estas revistas poderán conseguirse de forma totalmente gratuíta pola clientela que queira entrar no sorteo. Atoparanse en todos os locais que participen e tamén nas dependencias da Casa do Concello e no centro cultural Fernando Casas e Novoa.

BASE DÉCIMO TERCEIRA: Aceptación das bases
A participación no concurso significa a aceptación destas bases.