subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O Concello de Oroso edita “Memoria de Oroso”, unha revista co material recollido polo Arquivo Histórico de Imaxes municipal.


O primeiro número, que recolle 170 fotografías e documentos históricos, será presentado o xoves 18 de xuño polo alcalde Manuel Mirás e o historiador local Manolo Pazos.

orosoO alcalde de Oroso, Manuel Mirás, e o historiador local Manolo Pazos serán os encargados de presentar o primeiro número da publicación “Memoria de Oroso, revista do Arquivo histórico de imaxes do Concello de Oroso”. Unha presentación que terá lugar o próximo xoves 18 de xuño, ás 20:30 horas, no centro cultural Fernando Casas e Novoa de Sigüeiro.

Manuel Mirás explica que, con esta iniciativa, “pretendemos rescatar, documentar e poñer en valor o legado que nos deixaron os nosos antepasados en forma de imaxes”. Pola súa banda, Manolo Pazos adianta que “en vindeiros números da revista iremos seleccionando e desenvolvendo distintos aspectos da historia do noso concello… festas tradicionais, bandas de música, vida no campo, elementos arquitectónicos e etnográficos, historia das parroquias… ou calquera outro asunto que sexa suxerido polos lectores”.

Así, a estrutura de “Memoria de Oroso” estará dividida en seis apartados. Os cinco primeiros incluirán sempre temas de interese histórico, onde se mesturarán o texto coas ilustracións na busca dun fin pedagóxico e divulgativo. O sexto tema será unha selección das imaxes achegadas polos veciños e veciñas ao Arquivo Histórico de Imaxes do Concello de Oroso.

Primeiro número

Neste primeiro número, os temas a desenvolver serán: “Sigüeiro de onte a hoxe” (vistas de Sigüeiro tomadas dende o mesmo punto e nas que se pode apreciar o cambio urbanístico que experimentou a vila), “Cinco persoeiros históricos do concello de Oroso” (biografías de Lope Gómez de Marzoa, Antonio Francisco de Castro, Severino Ramos Sánchez, Severino Pellit Varela e Antonio Nouché Costa), “San Román, o santo milagreiro” (un achegamento a un dos ritos máis importantes do patrimonio antropolóxico de Galicia), “José Antonio Noya ou a paixón polo Sigüeiro FC” (historia do Sigüeiro CF a través deste mítico xogador, xa falecido) e “Documentos da familia Garrido, Trasmonte” (reprodución de recibos referidos a distintos tributos a pagar ao longo do século XX como cédulas persoais, repartimento xeral, Cámara Oficial Sindical Agraria da Coruña, etc).

No sexto tema, denominado “Fotos con Historia”, amósase unha selección de fotos entre as que achegaron os veciños e veciñas para o arquivo, onde cada fotografía leva un resumo feito polo seu dono e que serviu para configurar os pés de fotos da revista. En total, neste primeiro número de “Memoria de Oroso, revista do Arquivo histórico de imaxes do Concello de Oroso” se inclúen un total de 170 fotografías e documentos históricos .