subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

Manuel Mirás anuncia que a promoción económica, os viais, a ordenación do territorio e os servizos hidráulicos serán as súas novas prioridades.


Este mediodía tomou posesión de novo como alcalde de Oroso cos votos a favor do grupo socialista, con maioría absoluta no pleno municipal.

orosoManuel Mirás tomou posesión de novo como alcalde de Oroso no pleno de constitución da corporación que se celebrou este mediodía. O candidato socialista recibiu o apoio dos sete concelleiros do seu grupo, maioría absoluta na cámara. As demais formacións votáronlles aos seus respectivos candidatos.

No discurso posterior á toma de posesión, o rexedor manifestou que agarda unha tarefa “difícil pero ao mesmo tempo ilusionante” no novo mandato. Mirás anunciou que os piares básicos para estes catro anos serán a promoción económica, as infraestruturas viais, a ordenación do territorio e a extensión dos servizos de abastecemento e saneamento. Súmanse ao ensino, o deporte, a cultura e o benestar social, que protagonizaron o mandato recén rematado e seguirán estando nas prioridades do executivo de Oroso.

No ámbito da promoción económica, Mirás situou como retos o desenvolvemento por fases do polígono San Martiño II, paralizado por mor da crise económica e dentro duns meses con moito máis atractivo para as empresas e os emprendedores grazas á apertura do enlace sur da AP-9.

En canto ás infraestruturas viarias, o alcalde de Oroso expuxo que seguirá insistindo en que o Ministerio de Fomento repare a N-550 e os seus viais paralelos de servizo, á vez que reforzará a petición da variante de Sigüeiro “proxectada desde hai tempo e que esperamos que nos vindeiros catro anos cando menos comecen as expropiacións e se licite o proxecto, estancado desde 2010”. En canto á rede viaria local, Mirás expuxo que proseguirá o plan de mantemento intensivo e que se asfaltarán novas pistas de concentración parcelaria que unan núcleos de poboación, como a que vai desde Ponte Arderís a Castiñeiro Redondo.

O principal cometido no relativo á ordenación do territorio é a revisión do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), que leva dez anos vixente. “O noso obxectivo é poder amplialo onde faga falta e reducilo onde non faga falta -asegurou Mirás- para que desta maneira os propietarios paguen menos contribución, recoller todos os núcleos que quedaron fóra de ordenación en 2005 e programar novos equipamentos onde sexa necesario”.

E no que respecta aos servizos de abastecemento e saneamento, a intención do executivo municipal é amplialos polas zonas rurais. Non obstante, Mirás precisou que será “moi difícil” se non hai apoio financeiro da Xunta, o Gobierno de España e a Unión Europea. Neste sentido, reclamou para o Concello os 85.000 euros anuais que recada a Xunta polo canon da auga. Preguntouse “onde mete o goberno galego o diñeiro que vía canon nos cobra a todos os veciños” e expuxo que se o recibise o Concello nuns seis anos podería executar todas as infraestruturas hidráulicas.

O remate dos accesos ao novo colexio de Sigüeiro e á nova escola infantil, ademais de melloras na xa existente, serán as principais actuacións en ensino. En deportes, manterase o apoio aos clubes e intentarase conseguir novas infraestruturas como un campo de fútbol-7 e un novo pavillón deportivo. En cultura, Mirás aspira a un “salto de calidade” que precisa novas instalacións, como o Centro Cultural de Oroso, xa en trámites, e un auditorio, para o que en breve se comezará co proxecto e a busca de financiamento. E en canto aos servizos sociais, Oroso seguirá de momento na Mancomunidade de Ordes “como medida de eficiencia económica” que permite contar con servizos como o Centro de Información á Muller ou a Atención Temperá.

Nova corporación

oroso A nova corporación de Oroso constituíuse con total normalidade e co salón de plenos ateigado de veciños e veciñas. Comezouse por conformar a mesa de idade, ocupada por Manuel Siverio Mirás, concelleiro electo de Son de Oroso-Anova, como o membro de máis idade, e Alexánder Doval, concelleiro electo do PP, como o máis novo.

Acto seguido, os distintos concelleiros foron tomando posesión do cargo, optando pola fórmula da promesa os representantes do PSOE e os de Anova e BNG, estes dous co matiz do imperativo legal, mentres que os edís do PP escolleron o xuramento para a asunción da nova responsabilidade.

A continuación procedeuse á elección de alcalde. E para rematar, tras a intervención do rexedor, o secretario do Concello deu conta aos integrantes da corporación do arqueo de contas, con 838.125,27 euros a data de 12 de xuño, e do Inventario de Bens do Concello, valorado en 42.388.306,27 euros.

Os integrantes do pleno de Oroso, de acordo cos resultados das pasadas eleccións municipais do 24 de maio, son:

Manuel Mirás Franqueira (PSdeG-PSOE)
Vanesa Boo Martínez (PSdeG-PSOE)
Antonio Leira Piñeiro (PSdeG-PSOE)
Beatriz Rodeiro Fernández (PSdeG-PSOE)
Luis Rey Villaverde (PSdeG-PSOE)
María del Carmen Liste Raña (PSdeG-PSOE)
Eduardo Veiras Rey (PSdeG-PSOE)
Alexander Doval Expósito (PP)
Josefina Iglesias Banco (PP)
Silvia Suárez García (PP)
Pablo Parga Villaverde (PP)
Manuel Siverio Mirás Liñares (SON de Oroso-Anova)
Xosé Manuel Pérez Penas (BNG-Asembleas Abertas)