subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O pleno municipal de Oroso aproba a emenda da Xunta á modificación puntual Nº 5 do PXOM e inicia un novo período de información pública.


Mirás confirma que haberá beirarrúa dende o Alto de Vilanova ata a rotonda da N-550, así como un paso de peóns.

orosoO pleno municipal de Oroso aprobou esta mañá a emenda presentada pola Xunta de Galicia á modificación puntual Nº 5 do PXOM de Oroso, enlace AP-9, que fóra aprobado inicialmente pola corporación municipal o 26 de decembro de 2014. Unha emenda ao apartado III da modificación que foi incluída e que será elevada á Xunta de Galicia para a súa aprobación definitiva. Así mesmo, acordouse iniciar un período de información pública do expediente durante dous meses. A proposta foi aprobada cos 8 votos a favor de PSOE e BNG e cos 5 votos en contra do PP e Anova.

O alcalde, Manuel Mirás, explicou que “esta modificación do PXOM se fai para a AP-9, pois foi unha petición expresa de Fomento. Hoxe non estamos legalizando nada, só incluíndo unha emenda da Xunta para que compensemos a zona verde que había no polígono e por onde vai pasar a AP-9. Buscamos outra zona verde e iso é o que aprobamos hoxe aquí”.

Interese público

Sen embargo, tanto PP como Anova basearon as súas intervencións nun suposto intento de legalización das vivendas do Alto de Vilanova. Ambos insistiron en que a modificación non é de interese público e mesmo o voceiro do PP, Alexánder Doval, augurou que “o informe da Xunta volverá ser negativo”. Pola súa banda, Siverio Mirás augurou que a ampliación da N-550 impedirá a construción de beirarrúas na zona. Finalmente, Xosé M. Pérez (BNG) explicou o seu voto favorable en: “que é de interese público é evidente. Non se pode facer política de baixo nivel con estes temas”.

O alcalde Manuel Mirás respondeulle a Siverio Mirás que “dende Vilanova ata a rotonda da N-550 vai haber unha beirarrúa, un semáforo e mesmo un paso de peóns”. Por iso dixo non comprender por que PP e Anova pretenden “prexudicar aos veciños desta maneira. Non sei se teñen algo en contra desas vivendas pero espero que isto lles pase factura”. Neste sentido, Mirás lembrou que o informe da Xunta nada di sobre esas vivendas e que a emenda que presentou só di que hai que compensar a zona verde que se vai perder polas obras do enlace sur da AP-9. “Por moita presión que faga, que sabemos que a estivo manipulando antes, espero que desta vez o informe da Xunta estea antes nas mans do alcalde ou do secretario municipal antes de que estea nas súas mans”, díxolle Mirás ao voceiro do PP.

Resto da orde do día

No que atinxe ao resto da sesión, o pleno aprobou a compatibilidade do exercicio da actividade privada de Manuel Mirás, como administrador de dúas empresas, co cargo de alcalde con dedicación parcial xa que non incorre nos supostos previstos legalmente para a incompatibilidade para os cargos electos. Unha proposta que foi aprobada cos 7 votos a favor do PSOE, as 5 abstencións de PP e BNG, e o voto en contra de Anova.

Finalmente, o deslinde da finca da escola do Cachopal foi aprobado por unanimidade. O obxecto desta actuación é a necesidade de fixar con precisión os lindes da leira, pois non coinciden as cifras do Rexistro da Propiedade cos inventarios municipais.