Oroso e Santiago recuperan o proxecto das Vías Verdes
Mirás e Noriega pediron melloras no Plan de Transporte Metropolitano
O alcalde de Oroso, Manuel Mirás, reuníuse en Compostela co seu homólogo de Santiago, Martiño Noriega. Un encontro no que repasaron os asuntos que teñen en común os dous municipios e amosaron o seu desexo de recuperar o proxecto das Vías Verdes entre Compostela e Oroso.
Mirás e Noriega queren reactivar un acordo que fora asinado en 2008 entre os dous concellos e que tiña como obxectivo utilizar os camiños de ferro actualmente en desuso, para transformalas en rutas perfectas para a práctica do sendeirismo ou do ciclismo. Nos municipios de Compostela e Oroso existen 24 quilómetros destes camiños de ferro sen utilizar e que, unha vez acondicionados, terían un grande atractivo polo interese natural, paisaxístico e sociocultural.
Ademais, Martiño Noriega e Manuel Mirás amosaron o seu desexo de colaborar na posta en valor das beiras do Tambre e da Área Recreativa do Refuxio.
Os dous alcaldes falaron tamén do Plan de Transporte Metropolitano e coincidiron na frustración que existe polo seu mal funcionamento. Os alcaldes de Compostela e Oroso coinciden en que só hai dúas alternativas para mellorar a conectividade por autobús na comarca: procurar unha maior coordinación coa Dirección Xeral de Mobilidade da Xunta ou estudar fórmulas de xestión entre os concellos, dentro do marco da legalidade.