subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O Concello de Oroso ten unha das presións fiscais máis baixas de toda España.


A Conta Xeral de 2014 recolle un superávit de máis de 471.000 euros e unha redución da débeda viva de 6 puntos porcentuais.

Os veciños e veciñas de Oroso gozan dunha das presións fiscais máis baixas de toda España: 304,5 euros por habitante, fronte á media nacional (516,32 euros) e galega (386,13 euros). Son datos recollidos na Conta Xeral de 2014, que acaba de ser elevado aos integrantes do pleno para iniciar a súa tramitación despois do preceptivo informe favorable da Intervención Municipal.

A pesar desta reducida presión fiscal sobre a veciñanza, a boa xestión económica do Goberno orosán permitiu conseguir un aforro neto de 471.216,49 euros e unha redución de seis puntos porcentuais no volume de endebedamento. Así, a débeda viva se situou a finais de 2014 no 20,62% dos ingresos correntes, fronte ao 26,26% do exercicio anterior. Deste xeito, o Concello de Oroso continúa coa súa política de redución de débeda, que se situou no 36% en 2012 e no 45% no 2011.

Con estes datos, os técnicos municipais consideran que “o Concello tería aínda posibilidade de incrementar a súa carga financeira, sempre e cando se respecten os criterios de estabilidade orzamentaria e o Plan de Saneamento”. O informe detalla tamén que o remanente líquido de tesourería para gastos xerais do Concello de Oroso é de 48.404,95 euros.

Rigor na xestión para manter os servizos sen incrementar a presión fiscal

O alcalde de Oroso, Manuel Mirás, considera que os resultados da Conta de 2014 demostran que “o goberno de Oroso segue aplicando o máximo rigor na súa xestión económica, cunha execución orzamentaria moi axustada que nos permite manter e mesmo incrementar os servizos públicos municipais sen aumentar os impostos e taxas”.

Neste sentido, Miras destaca que “os ingresos se incrementaron nun 3.04% sobre as nosas previsións no 2014, o que demostra o que dixen o día que se aprobou este orzamento: que este Goberno fai unhas contas reais e axustadas á realidade do municipio”.