subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

Mirás indica que as obras da saída sur da AP-9 en Sigüeiro non estarán finalizadas no prazo ao que se comprometeu Ana Pastor.


Insiste en que as obras de ampliación da ponte sobre a N-550 levan dous meses paralizadas por problemas burocráticos de Fomento.

orosoO alcalde de Oroso, Manuel Mirás, lamenta que as obras da saída sur da AP-9 en Sigüeiro non estarán finalizadas no prazo ao que se comprometeu a ministra de Fomento, Ana Pastor. “A ministra asegurou hai quince días que a saída sur estaría operativa no prazo dun mes. Xa pasou a metade dese prazo e as obras de ampliación da ponte sobre a N-550 seguen como estaban, paralizadas dende hai dous meses por problemas burocráticos do Ministerio de Fomento”, apunta o alcalde orosán.

Manuel Mirás amosa a súa preocupación por que a chegada do mal tempo poida supoñer un atraso aínda maior nesta obra, “sobre todo cando na súa primeira fase os traballos se levaron adiante a moi bo ritmo e mesmo se indicou que estarían rematados a finais de agosto. Non é de recibo que os nosos veciños teñan que estar sufrindo as molestias dunhas obras que non van adiante por culpa única e exclusivamente da burocracia do Ministerio de Fomento”.

O alcalde orosán recoñece que durante os últimos días “se avanzou nos traballos na N-550, como ben saben os milleiros de condutores que pasan a diario por esta estrada e que sufriron as molestias propias do corte dun dos dous carrís de circulación, pero no que é propiamente a saída da AP-9 levan dous meses sen facer nada”. Por iso, Mirás Franqueira reitera a súa petición á ministra de Fomento a que “se poña a traballar, resolva os problemas burocráticos do seu Ministerio e remate unhas obras que xa acumulan demasiados anos de atraso. Se o fai, eu serei o primeiro en agradecerllo pois creo que todos coincidimos en desexar que as molestias das obras rematen e poidamos estrear unha infraestrutura que mellorará a mobilidade non só de Oroso, senón de toda a comarca”.