subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O Concello de Oroso organizará unha viaxe a Góis para os maiores do municipio, así como saídas á praia e a percorrer o Camiño Inglés


O alcalde Manuel Mirás celebrou o primeiro “Encontros co alcalde” de 2016, no que participaron máis de sesenta maiores do municipio.

orosoO Concello de Oroso organizará unha viaxe a Góis, municipio portugués co que está irmandado, para os maiores do municipio. Así llo anunciou o alcalde de Oroso, Manuel Mirás, aos máis de sesenta maiores que participaron no primeiro “Encontros co alcalde” de 2016, celebrado na noite de onte no centro cultural de Sigüeiro.

Mirás Franqueira explicou que “este ano temos pensado facer varias excursións para maiores: algunha que outra saída á praia, unha viaxe de un ou dous días a Góis e tamén imos facer o traxecto do Camiño Inglés ao seu paso por Oroso. E se vos gusta e vos animades, noutra ocasión facemos o Camiño ata Santiago”. Unha proposta que foi moi ben recibida polos maiores presentes.

Cambios na Festa dos Maiores

Así mesmo, o alcalde orosán aproveitou para consultarlles un par de cambios previstos para a próxima Festa dos Maiores, programada para o 23 de abril. “O baile imos poñelo nunha carpa fóra do pavillón para que así os que queiran bailar poidan facelo e os que prefiran charlar e acabar o café ou o chupito non teñan que marchar como pasou outros anos”, explicou Mirás. Ademais, o alcalde indicou que “hai anos quitouse o servizo gratuíto de autobús, xa que cada vez eran menos as persoas que o utilizaban. Este ano, cando vos anotedes, podedes indicar se precisades ou non de transporte, pois poremos un autobús para recoller a aquelas persoas que non teñan maneira de asistir á festa”. Dúas propostas que foron moi aplaudidas polos maiores orosáns.

Finalmente, o alcalde explicoulles que a partir de febreiro non se poderá xogar ás cartas no local da Terceira Idade durante a celebración dos “Martes Saudables”, que ten lugar os primeiros martes de cada mes, en horario de cinco a sete da tarde. “Consideramos que se trata dunha simple cuestión de respecto a aquelas persoas que veñen escoitar esas charlas e tamén para os que veñen impartilas”, explicou Manuel Mirás.

Preguntas

Ademais de dar a súa opinión sobre o tema das viaxes e dos cambios na Festa dos Maiores, os presentes preguntaron en varias ocasións sobre o centro de día de Porto Avieira e sobre a posibilidade de construír unha residencia para a Terceira Idade en Oroso. Manuel Mirás explicoulles que “unha residencia pública tería que ser para toda a comarca, xa que un só concello non podería mantela. É como o da piscina climatizada que piden moitos veciños, o problema non é atopar os cartos para construíla, o problema é despois poder mantela”.

Diante das preguntas dos veciños sobre os servizos de atención á terceira idade, Manuel Mirás lembroulles que o Concello de Oroso ten asinado un convenio co centro de día de Porto Avieira polo que dispón de dúas prazas a xornada completa e catro a media xornada para aquelas persoas que o precisen. Ademais, explicoulles que aínda que a Xunta é quen ten as competencias, o Concello de Oroso reforzou o servizo de asistencia a domicilio para que ninguén quedara sen el.

Os maiores presentes tamén valoraron os bailes para maiores que se celebran o último sábado de cada mes no centro cultural de Sigüeiro. O alcalde comprometeuse con eles a que “se os enchedes, facémolo todos os sábados”.