Mirás cualifica de “auténtico esperpento” a nova paralización das obras da AP-9 en Sigüeiro e pide que se rematen canto antes.
Advirte do “cabreo patente entre veciños, empresarios, comerciantes e usuarios da AP-9 e da N-550 polas molestias que soportan diariamente cando as obras tiñan que estar rematadas en agosto de 2015”.
“O que está pasando é un auténtico esperpento. Nos anos que levo de alcalde non vin cousa semellante”. Así resume o alcalde de Oroso, Manuel Mirás, a situación que se está a vivir no municipio coa paralización das obras da saída sur da AP-9 en Sigüeiro, que o vindeiro mes de agosto cumpriran un ano de atraso sobre a primeira data ofrecida polo Ministerio de Fomento para a súa inauguración. “Non podemos explicarnos como un proxecto tan importante para Oroso, que xa levaba máis de tres anos e medios de atrasos burocráticos, agora leve case un ano máis de atrasos por unha obra de tan pouca envergadura, se a comparamos co resto do proxecto, como é a ponte sobre a N-550”, indica Mirás Franqueira.
O alcalde orosán explica que “o cabreo é patente entre veciños, empresarios, comerciantes e usuarios da AP-9 e da N-550 polas molestias que teñen que soportar a diario cando as obras tiñan que estar rematadas en agosto de 2015, segundo as propias previsións do Ministerio de Fomento”. Neste sentido, compre lembrar que Fomento xa atrasou ata en catro ocasións a inauguración da saída sur da AP-9 en Sigüeiro, unhas obras que levan paralizadas dende outubro de 2015.
O última data de inauguración incumprida por Fomento foi a de maio de 2016, xa que as obras non se reanudaron ata principios do mes de xuño. Unha reanudación breve, que non durou nin unha semana, xa que as máquinas volveron abandonar a zona. "No Concello de Oroso estamos moi preocupados por esta nova paralización, xa que se produce sen ningún tipo de explicación e despois de que se anunciara que se retomaban os traballos", denuncia Manuel Mirás.
Tomar medidas
O alcalde orosán considera que “está claro que nin Ana Pastor, nin Mariano Rajoy nin Alberto Núñez Feijóo teñen vergoña nin respecto polos veciños e veciñas de Oroso. Estanse a rir de todos nós, incluídos os seus votantes que lles dan o seu apoio maioritario, salvo nas municipais”, polo que os insta a “tomar medidas de forza para rematar con esta vergoña”. Así mesmo, Mirás Franqueira lamenta que dende o PP de Oroso “non se fixera absolutamente nada por tratar de solventar este problema, o que realmente non nos sorprende pois o señor Alexander Doval negou durante varios meses que as obras estiveran paralizadas cando era unha realidade que podía ver calquera persoa que pasara por Sigüeiro”.
Manuel Mirás lembra que “este atraso sen xustificación está a prexudicar a toda a veciñanza pero, en especial, ás persoas que viven nas inmediacións” e que “dende o Concello non podemos facer nada pois, aínda que sempre demos as máximas facilidades para que a obra se faga canto antes, agora o problema está fora das nosas mans e o único que podemos facer é instar a Fomento a que resolva os seus problemas e remate a obra canto antes”
Mirás Franqueira lembra que “estas obras son fundamentais para Oroso, tanto dende o punto de vista da mobilidade como dende o punto de vista económico. Por unha banda, minguarán gran parte do tráfico pesado que atravesa actualmente o centro de Sigüeiro e proporcionarán unha alternativa á N-550, contribuíndo a reducir os atascos que se producen na ponte de Sigüeiro e ofrecendo unha saída no caso dun accidente”.
Audasa, entidade que financia e executa a obra, comezou os traballos de construción do enlace sur da AP-9 en marzo de 2015, logo de que o proxecto fose aprobado en novembro de 2011 no derradeiro Consello de Ministros do Goberno Zapatero e tras case unha década de negociacións por parte do alcalde de Oroso con ata tres ministros de Fomento diferentes.
A día de hoxe, xa está construído o ramal de 1.430 metros de lonxitude para saída cara a N-550 dende Santiago, así como un paso superior de 76 metros que circula por riba da actual autoestrada. Tamén está listo o ramal de acceso á Sigüeiro dende a AP-9, para os vehículos procedentes de Ordes e se desprazou a área de toma de ticket das cabinas da autoestrada. Así mesmo, na N-550 está marcada a nova glorieta que substituiu á antiga intersección en T da saída da AP-9, polo que tan só resta a construción da ponte sobre a N-550 de saída para os vehículos procedentes de Santiago, proxecto paralizado por Fomento en outubro de 2015.