subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O alcalde de Oroso advirte de que as graves retencións desta mañá na N-550 non se terían producido se Fomento fixese os seus deberes.


Mirás amósase contrariado porque o Ministerio leva unha década demorando a variante da estrada sen rematar sequera o estudo informativo e porque non dá unha data para o enlace sur da AP9.
As dúas vías serían unha alternativa ao tráfico e evitarían situacións como a desta mañá, posto que a comunicación entre Santiago e A Coruña non pode depender dun punto tan delicado como a ponte sobre o Tam

O alcalde de Oroso, Manuel Mirás Franqueira, amosa o seu malestar e contrariedade co Ministerio de Fomento, ao que responsabiliza do grave atasco de circulación que se produciu durante esta mañá na estrada N-550 ao seu paso por Sigüeiro, por mor da avaría dun camión de gran tonelaxe na ponte sobre o río Tambre. A Policía Local de Oroso e a Garda Civil de Tráfico paliaron a situación na medida do posible, dando paso alternativo aos dous sentidos de circulación.

Mirás lamenta os graves prexuízos ocasionados hoxe a centos de cidadáns por culpa de Fomento e explica que “as retencións non se terían producido se o Ministerio tivese feito a tempo os seus deberes, tanto na variante da N-550 que leva máis dunha década demorando como o enlace sur da AP-9 en dirección a Santiago, coas obras paralizadas desde hai meses e sen que ninguén en Fomento sexa capaz de dar unha data de remate”.

Tanto a variante, sobre a que Fomento nin sequera dá concluído o estudo informativo, como o enlace sur da AP-9, poderían ter servido hoxe para darlle saída ao tráfico, evitando o colapso da N-550 ao seu paso pola capital municipal. O rexedor de Oroso advirte de que o tráfico entre o norte e o sur de Galicia non pode depender case en exclusiva dunha infraestrutura tan delicada como a ponte sobre o Tambre.

“A deixadez do Ministerio xa non ten calificativos, polo que instamos aos seus responsables a desbloquear as dúas infraestruturas pendentes o antes posible, de maneira que non se teñan que vivir de novo situacións como as deste mediodía”, manifesta Manuel Mirás.