subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O Concello de Oroso concede máis de 75.000 euros en axudas ás actividades das entidades veciñais, culturais e deportivas do municipio.


O Concello incrementou nun 43% as achegas nos últimos tres anos, sobre todo debido ao aumento do número de adultos e rapaces que practican deporte no municipio.

O Concello de Oroso vén de conceder un total de 75.875 euros en axudas ás distintas entidades cidadáns do municipio. Unhas axudas que beneficiarán directamente a 28 entidades de participación cidadá, asociacións educativas, clubs e escolas deportivas, entidades de asistencia social e voluntarios de Protección Civil que desempeñan a súa actividade no termo municipal de Oroso.

Nos últimos tres anos, o Concello de Oroso incrementou as súas achegas nun 42,89%, pasando dos 53.100 euros de 2013 aos 75.875 euros actuais. Ademais dos incrementos das propias achegas económicas, nestes últimos tres anos case se duplicaron o número de entidades, pasando de 15 a 28 beneficiarios. Especialmente destacado é o caso do deporte, no que as achegas se incrementaron un 209% nos últimos catro anos, pasando dos 13.000 euros de 2012 aos 40.200 euros consignados para 2016.

De feito, esta achega ás entidades deportivas é a máis importante cuantitativamente falando xa que os 13 clubs e escolas deportivas de Oroso, onde están anotados máis de 1.200 veciños e veciñas do municipio, especialmente nenos e nenas. De feito, o alcalde orosán, Manuel Mirás, explica que “na concesión destas axudas temos especialmente en conta tanto o número de socios da entidade como o interese social da proposta realizada. Por iso, un ano máis a partida que rexistra un maior incremento é a de deportes, xa que en Oroso contamos con máis de 1.200 veciños e veciñas practicando algún tipo de deporte, fronte aos 700 que había hai tres anos”.