subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

Manuel Mirás insta ao Ministerio de Fomento a poñer en funcionamento de inmediato o enlace sur da AP-9 en Sigüeiro


Sinala que “confirmáronnos que as obras están rematadas dende finais de maio pero que volve estar todo parado por mor dun novo problema entre funcionarios polo que, se isto non se resolve nesta próxima semana, teremos que tomar medidas”

O alcalde de Oroso, Manuel Mirás, insta ao Ministerio de Fomento a poñer en funcionamento de inmediato o enlace sur da AP-9 en Sigüeiro, cuxas obras están rematadas dende o 23 de maio pero que leva case dous meses sen abrirse ao público. De non ser así, anuncia que dende o Concello de Oroso se tomarán as medidas que se estimen oportunas para conseguir a posta en marcha dunha infraestrutura fundamental para a mobilidade da veciñanza e que acumula máis dun ano e medio de atrasos nos despachos do Ministerio de Fomento.

“Sempre actuamos con cordialidade, con total lealdade e ofrecendo a nosa máxima colaboración pero vimos de confirmar as nosas sospeitas de que nalgún lugar tiña que haber unha man negra que impedía que entrase en servizo unhas obras que levan case dous meses rematadas e que acumulan un atraso de ano e medio”, explica Manuel Mirás. O alcalde orosán lamenta que “todo volva a estar parado por mor dun novo problema entre funcionarios do Ministerio de Fomento. Agora chega o mes de agosto e non podemos aguantar que a situación se prolongue por máis tempo, polo que se isto non se resolve nesta próxima semana, teremos que tomar medidas de presión”.

Manuel Mirás explica que “non é normal que os nosos veciños e veciñas teñan que seguir sufrindo as molestias que causa o peche do enlace e a sinalización de obras polo feito de que algúns non sexan quen de facer o seu traballo dende o seu despacho. As obras están rematadas e dende finais de febreiro temos o compromiso do subdelegado do Goberno nas Sociedades Concesionarias de Autopistas Nacionais de Peaxe de que a obra estaría rematada en dous meses. Pasaron máis de catro meses e a obra funcionando non está”.

Sobre as medidas que se poderían chegar a tomar, Mirás Franqueira indica que “aínda non teño tomado ningunha decisión pero o certo é que o malestar entre a veciñanza de Oroso está crecendo e hai dende os que me suxiren que fagamos unha concentración de protesta ata os que directamente me din que fagamos unha caravana para ir retirar os conos e así poder utilizar xa a infraestrutura. Confío en que os responsables recapaciten e simplemente poñan en servizo unha obra que leva dous meses rematada. De non facelo, eu o interpretaría como unha grave falta de respecto non só ao Concello de Oroso senón a toda a cidadanía”.