subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O Concello de Oroso demanda que a apertura do enlace sur da AP-9 se efectúe coa conformidade dos técnicos de Fomento.


Manuel Mirás anuncia unha manifestación en Santiago para o vindeiro luns, coincidindo coa visita do ministro de Fomento á capital galega, para ‘felicitalo’ pola pésima xestión da infraestrutura.
O alcalde lamenta que o ministro utilice Oroso para “un paripé” cometendo un novo “despropósito” co proxecto, na liña dos perpetrados pola súa antecesora.

O Concello de Oroso demanda que a apertura do enlace sur da AP-9 en Sigüeiro se efectúe con plenas garantías técnicas, reunindo todos os informes de conformidade necesarios dos servizos técnicos do Ministerio de Fomento. O alcalde, Manuel Mirás, puido confirmar esta mañá “a través dunha fonte ben informada que os técnicos de Fomento aínda non deron o visto bo”, polo que o goberno municipal non está disposto a admitir un novo “despropósito” por parte de Fomento.

Mirás explica que os movementos das últimas horas, retirando algúns elementos de sinalización das obras, non son máis que “un paripé” do ministro de Fomento, Íñigo de la Serna, utilizando o municipio de Oroso para evitar ser cuestionado na súa visita a Santiago de Compostela, prevista para o vindeiro luns.

Por iso, o alcalde de Oroso anuncia unha manifestación en Santiago para ‘felicitar’ o titular de Fomento polos “despropósitos” cometidos na xestión deste proxecto. A protesta coincidirá coa visita de Íñigo de la Serna á capital galega, onde ten previsto anunciar o enlace da autoestrada coa Cidade da Cultura. “Imos comunicarlle ao ministro os nosos ‘parabéns’ polo desprezo cometido co pobo de Oroso, e pedirlle que á súa vez llos traslade á súa predecesora e actual presidenta do Congreso dos Deputados, Ana Pastor, por cinco anos dunha xestión totalmente desafortunada”.

O alcalde de Oroso, como fixo onte o pleno municipal unanimemente, reitera que a apertura do enlace sur da AP-9 en Sigüeiro debe ser inmediata, pero sen que iso supoña saltar ningún requisito técnico necesario para a posta en servizo da infraestrutura. “Fomento tivo tempo de sobra para cumprir todas as súas obrigas e non sería aceptable que o novo acceso se active sen cumprilas”, advirte Manuel Mirás.