subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O Concello de Oroso substitúe a manifestación desta tarde por unha concentración na Praza Isaac Díaz Pardo tras a apertura do enlace sur da AP-9 en Sigüeiro.


Anulada a manifestación prevista para o luns en Santiago.

Ante a apertura do enlace sur da AP-9 en Sigüeiro a primeira hora desta tarde, o Concello de Oroso acaba de tomar a decisión de substituír a manifestación prevista para hoxe ás 20:30 horas por unha concentración na Praza Isaac Díaz Pardo, diante da casa consistorial á mesma hora.

A concentración vai ser unha mostra de rexeitamento á maneira de proceder do Ministerio de Fomento coa posta en servizo desta infraestrutura, que permaneceu pechada desde o remate das obras o pasado mes de maio ata hoxe. O Concello de Oroso lamenta que Fomento só reaccionase ante a convocatoria dunha manifestación apoiada por todas as forzas políticas con representación municipal.

Anulación o luns

Por outra parte, o Concello de Oroso toma a decisión de anular a manifestación convocada para o vindeiro luns ante o Pazo de Raxoi en Santiago, coincidindo coa visita do ministro de Fomento, Íñigo de la Serna, para anunciar o enlace da AP-9 coa Cidade da Cultura en Santiago. Esta anulación motívase na intención do Concello de non molestar a cidadanía da capital galega, unha vez que por fin está ao servizo da poboación o novo acceso á autoestrada, vital para o futuro desenvolvemento do municipio.