subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

Oroso xa ten a acreditación de “Concello Emprendedor” e pon en marcha un ambicioso programa de rebaixa de impostos para empresas que xeren emprego.


Oroso cumpriu todos os requisitos para formar parte da rede ‘Doing Business Galicia’, promovida pola Fegamp e a Xunta.

orosoO Concello de Oroso, de mans do seu alcalde, Manuel Mirás, recibiu a acreditación que certifica oficialmente que forma parte da rede de municipios ‘Doing Business Galicia’, promovida pola Fegamp e a Xunta para fomentar a creación de postos de traballo.

Oroso foi o primeiro concello da comarca que decidiu poñer en marcha esta iniciativa, un programa que contempla rebaixas de impostos de ata un 95% para as empresas que se instalen no concello ou amplíen as súas instalacións xerando emprego.

“Queremos que esta medida sirva para completar os polígonos de Sigüeiro e Oroso Pequeno, ademais de impulsar o desenvolvemento do polígono San Martiño II de Oroso”, sostén Mirás, que lembra que “poderán beneficiarse tamén das rebaixas fiscais os investimentos empresariais noutros lugares do municipio, non só nos polígonos”.

Oroso xa modificou as ordenanzas fiscais reguladoras do IBI, o IAE e o imposto sobre Construccións, as tres taxas sobre as que se aplicarán as bonificacións durante un periodo máximo de tres anos. A porcentaxe de rebaixa dependerá dos postos de traballo creados pola empresa.

“Esperamos captar novos investimentos para Oroso e o concello ten que axudar a aquelas empresas que teñan o obxectivo de xerar novos postos de traballo”, asegura o alcalde, que apunta “a importante mellora das comunicacións derivada da apertura do enlace sur da AP-9”.

Segundo figura no protocolo impulsado pola Fegamp e a Xunta de Galicia, deben ser as empresas interesadas as que soliciten as bonificacións fiscais e será o pleno municipal o que aprobe a súa concesión. “Pola nosa parte, o concello comprométese a outorgar as licenzas necesarias no menor tempo posible”, engade Manuel Mirás.