subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O alcalde de Oroso anuncia melloras nas infraestruturas e no alumeado público da parroquia de Deixebre.


Manuel Mirás retoma o ‘Café co Alcalde’, unha iniciativa para coñecer as inquedanzas dos veciños e veciñas do concello.

orosoO alcalde de Oroso, Manuel Mirás, anuncioulle aos veciños e veciñas de Deixebre melloras nas infraestruturas da parroquia e no alumeado público durante un Café co Alcalde, unha iniciativa que retoma para dar coñecer os proxectos municipais e coñecer as inquedanzas da cidadanía.

En concreto, Mirás explicoulles as próximas actuacións na parroquia, como a instalación dunha nova marquesiña en Vilar de Arriba, melloras no parque infantil e no piso da escola, auga corrente na igrexa e o reforzo do alumeado público no lugar de Vilar de Abaixo.

O alcalde tamén faloulles das xestións realizadas coa Consellería de Industria para atallar os cortes de luz ou da nova circunvalación en Sigüeiro polo oeste, desde a rotonda do polígono ata a bifurcación da estrada que vai ao aeroporto de Lavacolla. Este proxecto substituirá ao dunha estrada alternativa á N-550 desde Ordes Sur a Marantes, que non era do agrado dos veciños.

Mirás tamén anunciou ante máis de medio centenar de persoas que nos vindeiros días está previsto sacar a licitación a modificación do PXOM nas parroquias de Deixebre, Trasmonte e en Oroso, sempre tendo en conta que a aprobación definitiva depende da Xunta de Galicia.

Pola súa parte, os veciños aproveitaron a ocasión para preguntar por algúns proxectos, como o caso da citada circunvalación, que foi o que máis debate e interese suscitou, así como para facer varias peticións e reclamacións ao alcalde: farois nalgúns puntos da parroquia, o arranxo de fochancas, o aumento das prazas de aparcamento preto da escola, alcantarillado na zona dos Carballos, sinalización viaria, novos pasos de peóns e pintado dalgúns xa existentes, e a limpeza de pistas e cunetas.