subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O alcalde de Oroso, satisfeito “por ter completada ao 100% a concentración parcelaria"


orosoO alcalde de Oroso, Manuel Mirás, amosou a súa satisfacción “por ter completada ao 100% a concentración parcelaria no municipio”, ao tempo que apostou por “poñer en valor o rural para que emprendan os mozos e mozas”.

Mirás inaugurou na Casa da Cultura de Oroso unha das xornadas dun curso organizado pola Asociación Forestal de Galicia, en colaboración con FSC Internacional, dirixido a xestores forestais, tanto propietarios coma técnicos.

“A concentración parcelaria levou moitos anos, pero era un proceso imprescindible para ter o territorio ordenado, agora o que queremos desde o concello e poñer en valor o rural, darlle facilidades aos mozos e mozas para que emprendan”, engadiu o alcalde de Oroso.

No curso, que hoxe celebrou unha das súas sesións en Oroso para falar precisamente da concentración parcelaria, participan propietarios e técnicos de Galicia, do resto de España, Portugal e Francia.

A actividade formativa aborda diversas cuestións de interese forestal, como o silvopastoreo, o Banco de Terras, a concentración parcelaria, a certificación forestal, as plantas medicinais ou a xestión práctica de unidades forestais.