subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

Manuel Mirás comprométese na súa investidura "a traballar coa mesma ilusión do primeiro día para construir entre todos un futuro mellor para Oroso"


orosoManuel Mirás foi elixido alcalde de Oroso no pleno de investidura e comprometeuse “a traballar coa mesma ilusión do primeiro día para construír entre todos un futuro mellor para o noso concello”.

Mirás obtivo os seis votos do grupo socialista e o apoio da concelleira do BNG Isabel Fernández, que entrará a formar parte do goberno orosán. Na súa intervención no pleno, o alcalde desexoulle sorte “a todos os concelleiros e concelleiras da corporación municipal, xa que a súa sorte será a dos veciños e veciñas de Oroso”.

“Polo que a min respecta, comezo un novo mandato como alcalde xa que así o decidiron os nosos veciños, e o fago co compromiso de traballar cada día para que Oroso sexa un lugar mellor para vivir”, manifestou.

Mirás lembrou que “foron moitas as prioridades para o meu pobo que me fixei como alcalde e a día de hoxe son xa unha realidade; son un firme defensor dos servizos públicos, por iso a sanidade e o ensino público, os servizos sociais, a cultura e o deporte foron, son e serán piares de goberno imprescindibles”.

O alcalde fixo un repaso do conseguido para Oroso nos últimos anos pero afirmou que “os veciños non nos votaron o pasado 26 de maio para mirar atrás, senón para seguir traballando; por iso xa está licitada a remodelación da praza da Foca para aliviar o tráfico en Sigüeiro e conseguimos que o Ministerio de Fomento acepte a nova circunvalación, que irá desde a rotonda fronte ao Familia ata a bifurcación da estrada de Lavacolla”.

“E por iso Oroso contará cun novo Auditorio Municipal, cun novo polígono industrial; completaremos a rede de sendas peonís, transformaremos a rede de alumeado público con tecnoloxía LED e, no eido do deporte, incrementaremos as instalacións cun novo polideportivo e un novo campo de fútbol en Oroso que xa está en marcha”, apuntou.

“Cando cheguei por primeira vez á alcaldía, Oroso era unha cidade dormitorio, un lugar ao que a xente viña a durmir, pero despois pasaba todo o día en Santiago ou otros concellos; co apoio de todos os veciños e veciñas, conseguimos cambiar a situación, Oroso é hoxe un bo lugar para vivir ou criar a un fillo, con todos os servizos necesarios para o día a día”, engadiu.

“Pero non me conformo, queremos seguir mellorando, queremos reforzar o sentimento de orgullo e pertenencia que vemos nas novas xeracións de Oroso; e por iso, prometo traballo, traballo e traballo”, rematou.