subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O Concello de Oroso asina coa Deputación o convenio para a nova senda peonil que conectará Oroso Pequeno coa entrada de Sigüeiro, a través do Carboeiro


orosoO alcalde de Oroso, Manuel Mirás, e o vicepresidente e deputado de Plans e Turismo da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, asinaron o convenio de colaboración para o acondicionamento da senda peonil que irá desde Oroso Pequeno ao parque fluvial do Río Carboeiro, un tramo polo que circula o Camiño Inglés e que, até o momento, carecía dun paso seguro para persoas.

“Un proxecto importante para ampliar a rede de sendas no municipio que chega despois de moitos meses de xestións desde o concello; coa nova infraestrutura haberá un tránsito peonil seguro no tramo”, asegura o alcalde de Oroso.

A actuación consistirá en acondicionar unha senda uniforme que se dividirá en dous tramos. O primeiro empeza no núcleo de Oroso Pequeno até a avenida Álvaro Cunqueiro, discorrendo pola marxe dunha estrada municipal.

O segundo tramo discorre pola avenida Álvaro Cunqueiro, paralelo ao polígono industrial, ata o punto de cruce coa área recreativa do Carboeiro. As obras suporán un investimento de 204.501 euros, dos que o 80% (163.601 €) serán achegados pola Deputación da Coruña.

Esta actuación pretende valorizar, crear e reforzar unha imaxe de identidade común en torno aos diferentes Camiños de Santiago e enmárcase nas accións da Deputación para a promoción do Camiño Inglés.