subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O Concello de Oroso da un impulso definitivo en FITUR ao proxecto de Vía Verde que unirá Santiago con Cerceda


orosoO Concello de Oroso foi un dos grandes impulsores do proxecto de vía verde que unirá Santiago de Compostela con Cerceda e aproveitou a súa presenza en Fitur para ultimar os detalles da iniciativa. En concreto, o alcalde de Oroso, Manuel Mirás, e o concelleiro de Turismo e deputado provincial, Antonio Leira, mantiveron unha reunión con representantes da Fundación de Ferrocarriles Españoles e de Adif, cos que falaron, entre outros aspectos, da posibilidade de ceder as vellas estacións de tren que hai no trazado aos concellos para o seu uso cultural, turístico ou social.

Ademais, pecharon próximas reunións de traballo con operadores de turismo de Castela Leon, Madrid, Andalucía e Extremadura para dar a coñecer a Vía Verde e o Camiño Inglés.

Nestes días de Fitur, Mirás e Leira presentaron tamén o proxecto Vías Verdes conxuntamente co Camiño Inglés a representantes do Concello de Madrid, cos que quedaron en concretar unha proposta de actividades nalgunha das prazas céntricas de Madrid co fin de dar a coñecer as iniciativas.

As obras, das que se fará cargo a Deputación da Coruña con 1,86 millóns de euros de fondos Feder, suporán a construción da primeira Vía Verde da provincia, que conectará Santiago e Cerceda cun sendeiro de 36,5 quilómetros sobre as antigas vías do ferrocarril.

“É un proxecto polo que levo loitando dende hai 14 anos, xa conseguimos financiación europea a través da Deputación e coido que en ano e medio será unha realidade; dará moito do que falar e irá sobre o trazado do ferrocarril entre A Sionlla e Cerceda, que quedou en desuso, no tramo comprendido entre Compostela, Oroso, Ordes, Tordoia e Cerceda”, explica o alcalde, Manuel Mirás.

Os concellos afectados e a Deputación traballan de forma intensa para que a iniciativa esté operativa nesta lexislatura, o que aumentará o atractivo turístico dos cinco municipios.