subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O Concello de Oroso inaugura unha estatua en homenaxe a Mergery Kempe e unha escultura para conmemorar os 13 anos de irmandamento con Góis


orosoO Concello de Oroso inaugurou unha estatua de homenaxe á peregrina Margery Kempe e unha escultura donada polo municipio portugués de Góis.

A escultura está ubicada na rotonda da Foca e á súa inauguración asistiron a presidenta da Cámara Municipal de Góis, María Lurdes Oliveira; o alcalde de Oroso, Manuel Mirás; a concelleira Isabel Fernández, e o concelleiro Luis Rey.

“Esta escultura, donada polo municipio de Góis e realizada por tres artistas, dous deles portugueses e un galego, simboliza 13 anos de irmandamento e amizade”, asegurou Manuel Mirás.

“Ao longo do ano facemos actividades culturais conxuntas, intercambios de mozos e mozas, e compartimos iniciativas e experiencias, un irmandamento do que estamos moi satisfeitos”, engadiu o alcalde de Oroso.

Pola súa parte, a presidenta da Cámara de Góis destacou “a importancia do diálogo entre dous municipios e países diferentes, sobre todo nun ano tan complicado como o 2020”.

Posteriormente, inaugurouse a estatua de homenaxe a Margery Kempe, primeira peregrina da que se ten constancia documental do seu paso polo Camiño Inglés e por Oroso no ano 1417.

A estatua, financiada polo Concello de Oroso, é obra do artista Armando Martínez.

Manuel Mirás, que tamén é o presidente da Asociación de Concellos do Camiño Inglés, anunciou “un importante investimento de 500.000 euros para potenciar esta ruta xacobea, pola que Oroso apostou desde un primeiro momento”.