subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O Concello de Oroso demanda investimentos nos orzamentos da Xunta para o municipio por valor de 1,3 millóns de euros e critica "o esquecemento un ano máis por parte do goberno de Feijóo"


“A Xunta leva anos cobrando o canon da auga pero non investiu nin un só euro en obras hidráulicas en Oroso”, afirma o alcalde, Manuel Mirás

orosoO Concello de Oroso demanda investimentos nos orzamentos 2021 da Xunta de Galicia para o municipio por valor de 1,3 millóns de euros e critica “o esquecemento un ano máis por parte do goberno de Alberto Núñez Feijóo”.

En concreto, o concello pide a través das emendas aos orzamentos melloras na depuradora de Sigüeiro (320.000 euros), obras para a renovación da rede de saneamento nas parroquias de Gándara, Oroso e Vilaromarís (800.000 euros), traballos de reparación no colexio de Sigüeiro (75.000 euros) e melloras no polígono industrial de Sigüeiro (80.000 euros).

O alcalde de Oroso, Manuel Mirás, lembra a inxustiza de que “a Xunta leve anos cobrando o canon da auga pero non investira nin un só euro en obras hidráulicas neste concello”.

“Pido de novo un compromiso por parte da Xunta, que polo menos o 50% do recaudado polo canon da auga en Oroso volva ao concello a través de obras hidráulicas, é unha demanda coa que levamos anos”, sostén o alcalde.

Mirás engade o seu malestar “polas competencias impropias que asumimos os concellos, por exemplo en materia de ensino, por iso pedimos reformas nos centros educativos e espero que a Xunta e o grupo municipal do PP apoien esta solicitude, polo ben da comunidade educativa”.