subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

Saúda de Nadal do alcalde de Oroso, Manuel Mirás Franqueira


orosoBoa noite a todos e a todas: Estamos xa a moi poucas horas do Nadal e a poucos días de rematar un ano que sen dúbida non esqueceremos con facilidade. 2020 será para sempre o ano do coronavirus e ogallá 2021 sexa o ano no que conseguimos deixalo atrás.

Vivimos, quen o ía pensar no pasado Nadal, en tempos de pandemia, e por suposto quero ter en primeiro lugar unha lembranza moi especial para todas aquelas persoas que desgrazadamente faleceron polo coronavirus, enviando unha agarimosa aperta a todos os seus familiares e achegados.

Moito ánimo e saúde tamén para os veciños e veciñas que teñen neste momento algunha enfermidade, co desexo dunha moi pronta recuperación, ou atravesan calquera outra dificultade, coa esperanza de que o camiño continúa e pronto chegarán mellores momentos.

Quero destacar que o mellor dos duros momentos que vivimos este ano foi ser testemuñas da solidariedade dos nosos veciños e veciñas. Houbo centos de orosáns dispostos a axudar aos nosos maiores ou aos colectivos de máis risco que necesitaban comida ou medicinas pero non podían arriscar a súa saúde.

Quero mandar outra agarimosa aperta aos profesionais da sanidade, a Protección Civil de Oroso e a aqueles traballadores e traballadoras dos servizos esenciais, que desde un primeiro momento estiveron en primeira liña para axudar ao conxunto da sociedade.

Chega agora o tempo do Nadal e no Concello de Oroso queremos que sexan unhas festas diferentes pero tamén especiais. Son unhas datas máxicas para os nenos e nenas e debémoslles un esforzo, tiveron un comportamento exemplar e merecen un Bo Nadal.

Desexo que no ano 2021 sexamos todos capaces de superar os retos aos que nos enfrentamos. Estou convencido de que así será, por iso envío unha agarimosa aperta a todos e todas as orosáns, coa confianza de que dentro dun ano teña a oportunidade de volver a dirixirme a vós nunha mellor situación.

Moitas grazas e Feliz Noiteboa, Bo Nadal e próspero Aninovo.
Felicidade e saúde para toda a veciñanza de Oroso!