subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

Oroso aproba en pleno o seu apoio ao Fondo Galego de axuda á hostalaría co 1% do orzamento anual da Xunta, as Deputacións e os Concellos


orosoO pleno do Concello de Oroso aprobou esta mañá unha moción do grupo de goberno para apoiar a proposta da Deputación da Coruña de crear un Fondo de Cooperación Galego dirixido a dar axudas directas á hostalaría, un dos sectores máis afectados pola pandemia do coronavirus.

O fondo, impulsado pola Deputación da Coruña, ten como obxectivo que a Xunta de Galicia, as deputacións e as administracións locais galegas destinen o 1% do seu orzamento de 2021 a axudar á hostalaria.

Na defensa da moción, o concelleiro de Promoción Económica o voceiro do grupo socialista, Antonio Leira, defendeu “o carácter xusto e equilibrado do fondo, que está agora mesmo en negociación e desexamos que na reunión de mañá se aprobe”.

Na reunión de onte entre as partes implicadas, as deputacións da Coruña, Lugo e Pontevedra mostraron o seu compromiso co sector hostaleiro mantendo firme a súa proposta de achegar o 1% do orzamento das institucións provinciais ao fondo común de rescate e lamentaron que a Xunta non iguale este esforzo para un sector que atravesa unha situación crítica.

As tres deputacións manifestaron o seu compromiso de achegar o "1% hostaleiro" con cargo aos Orzamentos 2021 e lamentaron que a Xunta de Galicia, cun orzamento de 11.663 millóns de euros fronte aos 525 das catro deputacións xuntas, non faga o mesmo esforzo económico que as administracións locais e comprometa só o 0,64% (75 millóns de euros), que consideran "insuficiente para un verdadeiro plan de rescate".

No caso de Oroso, “o 1% unirase a outras partidas que xa destinamos ao sector”, engadiu Leira. Desde o comezo da pandemia, o concello puxo a disposición da hostalaría e do comercio numeroso material de protección (EPI), ademais de impulsar diferentes campañas de promoción e reactivación.

Por outra parte, aprobou para este ano 2021 unha rebaixa no IBI e no recibo do lixo, así como unha bonificación dun 60% no imposto de vehículos de tracción mecánica para os automóbiles eléctricos e híbridos. "Estas medidas fiscais terán un impacto de 177.000 euros, cos que contarán os veciños e veciñas para os seus gastos", lembra o alcalde, Manuel Mirás Franqueira.

O Concello de Oroso repartirá tamén 134.583,62 euros en achegas do programa PEL-Reactiva da Deputación aos autónomos e microempresas que se viron afectadas polo peche do negocio durante o estado de alarma, así coma aquelas que viron reducida a súa facturación en máis dun 75% ou se acolleran a un ERTE.

Ademais, o concello de Oroso solicita que a Xunta implante bonificacións fiscais nos impostos de carácter autonómico que carga ao sector, como o canon de tratamento de lixo, o canon da auga ou o canon autonómico do IRPF, e que o Goberno de España rebaixe o IVE turístico e prolongue os ERTE.