subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O Concello de Oroso terá este ano 2021 un orzamento de case sete millóns de euros, cun incremento do 14% no gasto social


orosoO grupo de goberno do Concello de Oroso levará a pleno un orzamento municipal para o ano 2021 de 6.899.994,20 euros, cun incremento do 14% no gasto social.

O gasto en investimentos (capítulo 6) para mellorar as infraestruturas, os servizos básicos e a vida dos veciños e veciñas no centro urbano e nas parroquias chega ao millón de euros.

A partida de políticas sociais superará os 750.000 euros (665.000 euros o ano pasado) e inclúe os gastos no servizo de axuda no fogar, emerxencia social, reparto de alimentos e axudas ás familias e colectivos máis afectados pola pandemia do coronavirus.

“Son unhas contas axustadas ao actual contexto económico e moi sociais, somos un concello forte económicamente e saneado, cun endebedamento moi baixo”, asegura Manuel Mirás.

De feito, o Concello de Oroso pechou o ano 2020 con superávit e un remanente de tesourería de 1.313.367,11 euros, unha situación que reflicte a boa xestión económica municipal.

Por último, lembrar que este 2021 entran en vigor diferentes medidas e exencións fiscais para a veciñanza, entre as que están unha rebaixa no IBI e no recibo do lixo, así como unha bonificación dun 60% no imposto de vehículos de tracción mecánica para os automóbiles eléctricos e híbridos.

Tamén haberá unha bonificación de ata un 75% no imposto sobre o incremento de valor dos terreos de natureza urbana a título lucrativo por causa de morte a favor de descendentes e cónxuxes. Todas estas medidas fiscais terán un impacto superior aos 200.000 euros, cos que contarán os veciños e veciñas de Oroso para os seus gastos.