subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

Luis Rey, alcalde de Oroso, participa no Día do Municipio de Góis e destaca a importancia "do diálogo e a colaboración entre pobos irmáns"


orosoO alcalde de Oroso, Luis Rey Villaverde, participou nos actos do Día do Municipio de Góis, durante os que o concello luso entregou as súas Medallas de Mérito e as Medallas de Servizo Público.

Na súa intervención, o alcalde de Oroso destacou en referencia ás persoas e organizacións homenaxeadas, “a importancia dos comportamentos individuais e das contribucións dos colectivos para o progreso dunha sociedade, dun municipio ou dunha freguesía”.

Luis Rey fixo referencia por outra parte “ás moitas cousas positivas do irmandamento entre Góis e Oroso, dous concellos que compartimos moitos intereses comúns e que teñen como un dos seus piares básicos o patrimonio natural e o coidado dos seus ríos”.

“Oroso aprendeu moito de Góis durante estes anos e cada vez son máis as iniciativas que compartimos ambos concellos… pero máis aló de actividades concretas, a nosa relación fomenta a unión, a colaboración e o intercambio de experiencias sempre baixo as premisas do respecto mutuo e a boa sintonía”, engadiu.

Por último, Rey agradeceu o apoio e a colaboración institucional da presidenta da Cámara Municipal de Góis, Lurdes de Oliveira, que deixará o cargo nas próximas semanas.