subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O Concello de Oroso recolle unha tonelada de tapóns en cinco días para a ONG "Axuda a Burundi"


orosoO Concello de Oroso, no marco da súa proposta para instalar dous corazóns solidarios para a recollida de tapóns de plásticos, xa recolleu unha primeira tonelada deste material.

O goberno local recalca a súa gratitude coa veciñanza, pola gran participación que permitiu alcanzar a primeira tonelada en apenas 5 días dende o comezo da iniciativa.

Neste caso, esta primeira tonelada destinarase á ONG “Axuda a Burundi” que busca axudar aos nenos e nenas do centro Mugabekazi W’ingo a combater a desnutrición, a mellorar o seu coidado e saúde e a aumentar a calidade da súa educación.

O Concello de Oroso recorda que os corazóns solidarios están situados nas prazas Isaac Díaz Pardo e Alexandre Bóveda. A veciñanza pode introducir directamente os tapóns, sen depositar bolsas nin outros residuos. A iniciativa fomenta os fins solidarios, pero tamén a reciclaxe de plástico e o coidado medioambiental.

Dende o goberno local animan á veciñanza a continuar contribuíndo a esta causa. Os tapóns reciclaranse co obxectivo de recadar fondos para diversas causas de carácter social e humanitario.

“Oroso ten moitos aspectos dos que presumir, pero a máis importante sen dúbida é a calidade humana da súa xente”, afirma Luis Rey, alcalde de Oroso.