subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

Nova recollida solidaria de tapóns de plástico no Concello de Oroso para a ONG 'Axuda a Burundi'


orosoO Concello de Oroso, no marco da súa iniciativa de instalar dous corazóns solidarios para a recollida de tapóns de plástico, acaba de materializar a terceira entrega deste material.

No mes de agosto, Oroso donou a primeira tonelada de tapóns á ONG ‘Axuda a Burundi’.

A segunda tonelada foi doada a Matías Rey, un rapaz compostelán que sufriu unha parálise cerebral, á que se suman outras doenzas como cardiopatía, epilepsia e autismo. Actualmente, a través dos seus pais e a iniciativa ‘Tu ayuda = mi ilusión’, estanse realizando varias campañas para financiar as custosas terapias que precisa Matías.

Hoxe fíxose a terceira entrega, dez sacos de tapóns que irán de novo á ONG ‘Axuda a Burundi’, que busca axudar aos nenos e nenas do centro Mugabekazi W’ingo a combater a desnutrición, a mellorar o seu coidado e saúde e a aumentar a calidade da súa educación.

O Concello de Oroso anima á cidadanía a seguir depositando tapóns nos corazóns solidarios situados nas prazas Isaac Díaz Pardo e Alexandre Bóveda. Os tapóns débense introducir directamente, sen depositar bolsas nin outros residuos.

“A resposta veciñal supera todas as expectativas, agradecemos a colaboración dos nosos veciños e veciñas, que unha vez máis demostran a súa solidariedade sumándose a esta causa; Oroso é un exemplo de colaboración e apoio aos que máis o necesitan”, subliña Luis Rey Villaverde, alcalde de Oroso.

Ademais, dende o goberno local recórdase que esta actividade tamén fomenta a reciclaxe de plástico e o coidado medioambiental.