subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O Concello de Oroso aproba en pleno destinar case 900.000 euros a diferentes obras na rede viaria, melloras de eficiencia enerxética e gasto social


orosoO Concello de Oroso aprobou hoxe nun pleno extraordinario as obras e proxectos incluídos nas partidas do Plan Único 2022 e o POS adicional da Deputación da Coruña, con actuacións na rede viaria, melloras de eficiencia enerxética e gasto social.

As partidas suporán un investimento de case 900.000 euros para mellorar a vida dos veciños e veciñas de Oroso.

En concreto, se realizarán melloras na rede viaria nos lugares de Baxoia (Deixebre) e a Cruz de Folgoso (Marzoa); nos lugares de A Baiuca (Senra)-Requeixo (Cardama) e Castro-Burgao-Piñeiro (Trasmonte), e nos lugares de Piñeirón (A Gándara), Arderís (Senra) e Bran (Os Ánxeles).

Tamén se realizarán melloras de eficiencia enerxética do alumeado exterior na urbanización Porto Avieira e o unha partida de 171.692,66 euros (gastos correntes) se destinará ao capítulo de investimentos dos orzamentos municipais para o ano 2022.

Este ano, o Plan Único inclúe de novo un fondo social, que permitirá no caso de Oroso destinar unha partida de 72.453,72 euros a ampliar o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) ou a axudas ás familias e colectivos en risco de exclusión.

“Todas as obras dan resposta ás demandas veciñais e ao noso obxectivo de renovar os servizos básicos e os infraestruturas do concello de forma continua”, explica o alcalde de Oroso, Luis Rey Villaverde, que lembra que “os concellos estamos en primeira liña de atención aos veciños, de aí a necesidade tamén de reforzar o gasto social”.