subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O orzamento de Oroso para 2022 ascende a 7,5 millóns de euros, un 9,3 % máis que o de 2021


O alcalde, Luis Rey, destaca o “importante aumento do capítulo de investimentos”, que medra un 25,8 % ata situarse en 1,25 millóns de euros

A mellora da rede viaria en preto dunha trintena de lugares do rural, a ampliación da rede de abastecemento de auga en tres núcleos e a creación un circuíto deportivo en Porto Avieira, entre as actuacións previstas

orosoO goberno local de Oroso presentou hoxe na Comisión informativa de Contas, Facenda e Patrimonio o proxecto de orzamento municipal para o exercicio de 2022, que medra un 9,3% respecto aos 6.899.994,20 euros do orzamento de 2021 ata situarse en 7.546.400,91 euros.

O alcalde, Luis Rey Villaverde, salientou que este orzamento que o goberno local aprobará inicialmente no pleno do vindeiro luns destaca polo “importante aumento do capítulo de investimentos, especialmente no rural” e polo seu “marcado carácter social, con importantes incrementos nas partidas de gasto de axuda no fogar, ensino, cultura ou deportes”.

En relación aos investimentos, o rexedor local precisou que aumentan un 25,8% respecto ao orzamento de 2021, pasando de 0,99 millóns de euros a 1,25 millóns de euros. Neste capítulo destacan actuacións como a mellora do pavimento na avenida Álvaro Cunqueiro e na rúa Eduardo Pondal, a ampliación da rede de abastecemento de auga aos núcleos de Pedralba e Calvente e desde Sar ata Cabanas, a ampliación do alumeado público en varias parroquias e a mellora da rede viaria en preto dunha trintena de lugares do rural. Neste eido, as contas para 2022 reservan adicionalmente 105.000 euros (un 10% máis que en 2021) para o mantemento de estradas tanto no rural como no núcleo urbano e tamén para o arranxo de cunetas.

No capítulo de investimentos tamén figuran partidas específicas para a creación dun circuíto deportivo arredor do campo de fútbol en Porto Avieira, o arranxo de varias infraestruturas deportivas, a ampliación do equipamento da biblioteca municipal e a reparación parcial da fachada e a substitución parcial da cuberta do Centro Cultural Fernando Casas.

Orzamento “ambicioso, pero realista, para afrontar os problemas do día a día” Luis Rey destacou que este proxecto de orzamentos “equilibrado en ingresos e gastos” é un orzamento “ambicioso, pero realista, pensado para afrontar os problemas do día a día e para axudar ás persoas e colectivos que máis o necesitan”. “O incremento dos investimentos e do gasto social realizarase sen aumentar a presión fiscal sobre os veciños e veciñas, grazas a unha xestión económica solvente e responsable, baseada na contención do gasto corrente”, engadiu.

O alcalde resalta que “o obxectivo é converter á veciñanza de Oroso que máis o necesita na principal beneficiaria do reforzo do gasto social”, por exemplo a través dun incremento do 15% na partida do servizo de axuda no fogar e o programa de alimentos (520.000 euros en total) ou cun aumento dun 20% nas subvencións ás asociacións culturais, os clubes deportivos, Protección Civil ou a protectora de animais Gatocán.

O alcalde tamén salientou o incremento dun 20% no gasto previsto na área de ensino cunha partida específica para o mantemento das escolas, “a pesares de que é a Xunta de Galicia quen ten esas competencias e quen debería asumir eses traballos”. Por outra banda, tamén destacou os 160.000 euros reservados para actividades culturais (un 12% máis que en 2021), os 136.000 euros para a promoción do deporte (un 10% máis) e os 80.000 euros vinculados á dinamización comercial a través da celebración de festexos, campañas e eventos