O Concello de Oroso inicia en Ventosa os traballos de mellora da rede viaria en seis lugares do rural
As obras suporán un investimento de máis de 74.000 euros e dotarán dun novo
rego asfáltico a pistas das parroquias de Cardama, Os Ánxeles, Pasarelos, A
Gándara e Vilarromarís
As obras de ampliación das redes de saneamento e abastecemento de auga nos
Carballos (Deixebre), a piques de rematar
A empresa Construcciones Taboada y Ramos vén de
iniciar nunha pista de Ventosa, na parroquia de Cardama, a execución dun proxecto
de mellora da rede viaria en seis lugares do rural de Oroso que suporá un investimento
global de máis de 74.000 euros.
Os traballos, que consistirán na dotación dun novo rego asfáltico, comezaron na
estrada que comunica os lugares de Ventosa e Cardama e continuarán nos vindeiros
días nas seguintes pistas: lugares de Cabanas e Sar (parroquia dos Ánxeles), San
Román de Abaixo (Pasarelos), Oroso Pequeno (A Gándara) e O Barral (Vilarromarís).
Este proxecto en execución súmase á recentemente rematada ampliación da calzada
do vial que une os núcleos de Requeixo e Eirís, na que o Concello de Oroso investiu
preto de 75.000 euros, e ás obras anunciadas para os vindeiros meses na parroquia de
Senra, ás que destinará arredor de 250.000 euros. Neste caso, a actuación máis
relevante consistirá na dotación de aglomerado na pista Baiuca-Requeixo, cun
importe de 160.000 euros, seguida do asfaltado da pista do Formigueiro á estrada da
Deputación (40.000 euros), o asfaltado dunha pista en Arderís (30.000 euros) e a
mellora da pista das Eiras ata a estrada.
Saneamento e abastecemento nos Carballos
Por outra banda, tamén se atopan a piques de rematar as obras de ampliación das
redes de saneamento e abastecemento de auga acometidas no lugar dos Carballos,
na parroquia de Deixebre, cun investimento de 110.000 euros.