subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

Luis Rey anuncia que pechará o mandato cun “investimento récord” de 4 millóns de € no rural


As obras da senda peonil de Baxoia a Bouzalonga comezan o vindeiro luns e o acondicionamento do circuito deportivo en Portoavieira e o novo alumeado da senda peonil Sigüeiro-Estación figuran tamén entre os próximos proxectos.

orosoO alcalde de Oroso, Luis Rey, anunciou hoxe o compromiso do goberno local de intensificar nos vindeiros nove meses o ritmo de execución de obras nas parroquias para pechar o actual mandato cun “investimento récord” de máis de 4 millóns de euros no rural.

Luis Rey lembrou que durante a primeira metade do mandato, con Manuel Mirás aínda como alcalde, o goberno local executou máis dunha ducia de obras no rural cun investimento global superior a 1,3 millóns de euros. Desde que asumiu a responsabilidade da Alcaldía ata a actualidade, acometéronse outros nove proxectos no rural por un importe de 845.000 euros e para os vindeiros nove meses están previstos outros 19 por importe de 1,97 millóns de euros.

Entre as actuacións rurais máis destacadas dos dous anos deste mandato con Manuel Mirás de alcalde figuran a mellora da rede viaria nos lugares da Igrexa e Cas (Os Ánxeles), Vilar de Abaixo (Deixebre) e Zan e A Costa (Trasmonte), cun investimento de 227.000 €; a dotación das redes de abastecemento de agua e saneamento en Piñeirón (Gándara), con 174.000 € de investimento; e o acondicionamento da senda peonil de Oroso Pequeno ata o parque fluvial do río Carboeiro, con 169.000 €.

En canto ás nove obras da súa etapa como rexedor desde maio de 2021, Luis Rey apuntou que no caso da construción da senda peonil de Baxoia ata Bouzalonga (Deixebre) as obras comezarán o vindeiro luns, mentres que o resto están finalizadas ou en fase de execución: ampliación da rede de abastecemento de auga desde o núcleo de Sar ata o núcleo de Cabanas (Os Ánxeles) cun investimento de 29.000 €; abastecemento e bombeo de auga a San Román de Pasarelos (72.000 €); asfaltado de pistas en Ponte Carollo (Cardama), con 48.000 €; mellora da rede viaria nos lugares de Cabanas e Sar (Os Ánxeles), San Román de Abaixo (Pasarelos), Ventosa (Cardama), Oroso Pequeno (A Gándara) e O Barral (Vilarromarís), con 75.000 €; ampliación da calzada do vial que une Piñeirón e Carollo (Cardama), con 187.000 €; saneamento e abastecemento de agua no campo de Cabanas, en Oroso e cercanías, con 94.000 €; saneamento e abastecemento de auga no núcleo dos Carballos (Deixebre), con 91.000 €; e ampliación da calzada do vial que une os núcleos de Requeixo e Eirís (98.000 €).

Zona leste do municipio

Respecto ao investimento de 1,97 millóns de euros que Luis Rey compromete para 19 proxectos no rural orosano ata maio de 2023, cómpre salientar as seguintes actuacións: mellora da rede viaria nos lugares de Oroso Pequeno, Oroso de Abaixo e a avenida Castelao (47.000 €); mellora da rede viaria nos lugares da Igrexa e Bouzalonga (Deixebre), con 101.000 €; rebacheo de pistas (30.000 €); ampliación do abastecemento e saneamento de auga no lugar da Estación (34.000 €); ampliación do abastecemento de agua en Villabarro-Mariñaos (41.000 €); novo alumeado público na senda peonil Sigüeiro-Estación (47.000 €); arranxo de pistas en Recouso (37.000 €); reparación da ponte de Berdomás (80.000 €); mellora da rede viaria en Baxoia (Deixebre) e Cruz de Folgoso, con 35.000 €; mellora da eficiencia enerxética en Portoavieira (210.000 €) e ampliación e mellora da entrada a Portoavieira (102.000 €); ampliación da rede de saneamento desde Os Carballos ata Vilar de Arriba (Deixebre), con 142.000 €; construción dun circuito deportivo en Portoavieira (150.000 €); e mellora da rede viaria en Falmega (Gándara) e O Curro (Vilarromarís), con 46.000 €.

“Nesta recta final do mandato tamén imos reforzar especialmente a execución de actuacións comprometidas nas parroquias da zona leste do municipio”, entre as que se atopan Marzoa, Pasarelos, Calvente, Os Ánxeles, Senra e Cardama. Dous dos proxectos máis destacados nesta zona son a mellora da rede viaria de Baiuca (Senra) ata Requeixo (Cardama), cun orzamento de 316.000 €, e a mellora da rede viaria no Formigueiro (Senra) e Requeixo (Cardama), nunha actuación conxunta cun orzamento de 311.000 € que tamén inclúe melloras en viais de Penateixa (Gándara) e Castro-Burgao-Piñeiro (Trasmonte). A estas obras hai que sumarlle outros 110.000 € para a mellora da rede viaria de Piñeirón (Gándara) e Arderís (Senra), 100.000 € para a dotación do servizo de abastecemento de auga en Marzoa e 60.000 € para a ampliación do abastecemento de agua en Calvente.