subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

Oroso inaugurará o Auditorio do Centro Cultural o 24 de novembro cun espectáculo de Touriñán


As entradas sairán á venda o 21 de novembro no Centro Cultural a un prezo de 10 euros e a recadación destinarase á Asociación Galega de Trasplantados de Médula Ósea e Enfermidades Oncohematolóxicas (Asotrame)

orosoO alcalde de Oroso, Luis Rey, anunciou que o novo auditorio do Centro Cultural Fernando de Casas Novoa de Sigüeiro inaugurarase o xoves 24 de novembro, a partir das 20.30 horas, co espectáculo humorístico "Aquí Tou", protagonizado polo actor e cómico Xosé A. Touriñán.

As entradas poranse á venda o luns 21 de novembro nunha sala do Centro Cultural a un prezo de 10 euros e a recadación entregarase integra mente á Asociación Galega de Trasplantados de Médula Ósea e Enfermidades Oncohematolóxicas (Asotrame).

Luis Rey explicou que "o interior do auditorio está practica mente rematado, á espera de completar nos vindeiros días a instalación do equipamento técnico" e precisou que antes do día 24 adecentarase tamén a zona exterior do edificio. "Esta obra non foi sinxela nin doada, porque debido a problemas das empresas adxudicatarias, completamente alleos ao concello, sufriu un retraso importante. Pero nesta vida non ten problemas o que nunca fai nada e o importante é que o goberno local tivo capacidade para afrontalos e solucionalos. A obra está a quedar ben e a partir do día 24 toda a veciñanza de Oroso poderá gozar do auditorio”, salientou.

Neste senso, adiantou que o goberno local está a traballar na planificación para os vindeiros meses dunha programación cultural “moi atractiva, na que o teatro, a música e o humor terán un peso importante”.

Sala intelixente na biblioteca

Por outra banda, o rexedor local anticipou que nas vindeiras semanas tamén se completarán os traballos de acondicionamento dunha sala intelixente na biblioteca, que contará cun control de acceso automatizado e que funcionará as 24 horas do día, os 365 días do ano. “Esta novidosa solución permitiralle aos estudantes dispor dun local de estudo no horario que estimen máis conveniente, podendo organizarse mellor e sen necesidade de que o persoal municipal teña que estar pendente da apertura e do peche desas instalacións”, explicou.