subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

Manuel Mirás: “as beirarrúas de Senra estarán rematadas en pouco máis de tres meses”.


Operarios de Construcciones Galdiano SA iniciaron os traballos de sinalización e desmonte para a construcción de 1,6 kms de beirarrúas.

orosoO alcalde de Oroso, Manuel Mirás, anuncia que “as beirarrúas de Senra estarán rematadas en pouco máis de tres meses”. Un anuncio realizado logo de reunirse con responsables da empresa adxudicataria das obras, Construcciones Galdiano SA, que veñen de iniciar as obras.

Manuel Mirás destacou a importancia de que as obras rematen canto antes para evitarlles molestias innecesarias aos veciños da parroquia de Senra e aos usuarios da estrada DP-3801 Sigüeiro-San Mauro, que durante estes días teñen regulado o paso con semáforos. “Son unhas obras que acumularon moito retraso na súa tramitación, polo que agradecemos que se axilice a súa execución”, sinalou Mirás Franqueira. Neste sentido, compre lembrar que este proxecto acumula algo máis dun ano de retraso, pois está incluído na primeira fase do Plan de Travesías 2011 da Deputación da Coruña e foi aprobado en xuño de 2011 polo pleno municipal.

Aforro de máis de 130.000 euros

A construción das beirarrúas de Senra están incluídas na primeira fase do Plan de Travesías 2011 da Deputación da Coruña cun orzamento de 416.469,8 euros. Unha obra que foi adxudicada á empresa Construcciones Galdiano SA por 282.699,7 euros e que se desenvolverá a ambos lados da estrada provincial DP-3801, concretamente entre os puntos quilométricos 8,04 e 8,9.

A empresa iniciou as obras a finais da pasada semana, unha vez colocada a sinalización horizontal e vertical correspondente que reduce ata os 30 kms/h a velocidade máxima permitida en Senra durante o desenvolvemento dos traballos. Nestes días, as máquinas comezaron co movemento de terras precisos para a construcción das beirarrúas que, ao ubicarse sobre terreos xa propiedade da entidade provincial, evitaron que se tiveran que realizar expropiacións.

Serán 1,6 quilómetros de beirarrúas, 800 metros por cada lado da estrada DP-3801 Sigüeiro-San Mauro. O proxecto inclúe tamén a instalación de recollida de pluviais e fecais, así como o soterramento do alumeado público. A Deputación Provincial será a encargada de executar as beirarrúas e, unha vez rematadas, o Concello de Oroso encargarase da súa conservación e mantemento.