O Concello de Oroso remata en prazo a reurbanización da rúa do Portiño (Sigüeiro), unhas obras orzamentadas en 200.000 euros.
As obras incluiron a ampliación da ponte sobre o río Carboeiro e a construción de beirarrúas de 2,5 metros de anchura.
O Concello de Oroso vén de rematar as obras de reurbanización da Rúa do Portiño, en Sigüeiro. Uns traballos orzamentados en 200.000 euros e que foron financiados ao 100% pola Deputación Provincial da Coruña grazas a un convenio de colaboración asinado polo alcalde orosán, Manuel Mirás, en setembro de 2010.
Os traballos de reurbanización da rúa do Portiño tiveron lugar entre a ponte sobre o río Carboeiro e o enlace desta rúa coa avenida de Compostela (N-550). Unhas obras que incluiron a construción de beirarrúas (de 2,50 metros de anchura) cun pavimento de lousas hidráulicas de 30x30 cm e beiras de formigón. Unhas beirarrúas que enlazan coas que o Concello de Oroso construíu no primeiro semestre deste mesmo 2012 na Avenida de Compostela (na marxe esquerda da N-550), de xeito que os veciños da rúa do Portiño xa poden chegar a través de beirarrúas ata a gardería municipal da Ulloa.
Ampliación da ponte
En canto aos servizos básicos, o proxecto incluíu a execución da rede de pluviais e o soterramento da rede de electricidade, unha actuación que implicou tamén a instalación de novas luminarias. Como obra singular, ampliouse a ponte que cruza o Rego Carboeiro cunha lousa de formigón armado en voladizo sobre o río. “Deste xeito, incrementamos a seguridade viaria na zona xa que esta ampliación facilita o tránsito de automóbiles e gaña espazo para os peóns que usan a beirarrúa”, explica Manuel Mirás.
Unhas obras que se remataron no prazo indicado polo alcalde de Oroso: xullo de 2012, logo dun retraso motivado por unha alegación ao proxecto presentada por un veciño, que obrigou a executar os traballos en dúas fases. De feito, Mirás Franqueira indica que “a nosa intención é acometer unha terceira e última fase para pechar definitivamente a reurbanización da rúa do Portiño”. Unha terceira fase que incluiría a execución de beirarrúas das mesmas características das recén estreadas en dous pequenos tramos (un no que actualmente hai dous inmobles en construción e outro no que haberá que recurrir á expropiación do terreo).