subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O Concello de Oroso inicia a construción dunha senda peonil no núcleo de Baxoia, na parroquia de Deixebre, na que investirá 82.000 euros.


As sendas, que teñen unha lonxitude dun quilómetro e inclúen recollida de pluviais, estarán finalizadas a finais de agosto.
Oroso leva investidos máis de 730.000 euros na posta en marcha de seis sendas peonís no municipio.

orosoO Concello de Oroso vén de iniciar as obras de construción dunha nova senda peonil no municipio, concretamente no núcleo de Baxoia, na parroquia de Deixebre. Unhas obras nas que se van investir 81.860 euros e que serán a sexta senda peonil en Oroso, logo das xa executadas en Vilacide, Trasmonte, Deixebre, A Gándara e Vilarromarís.

O concelleiro de vías e obras, Eduardo Veiras, explica que “estas obras servirán de prolongación da senda peonil de Deixebre, aínda que nesta ocasión irán pola outra marxe da estrada. Terán unha lonxitude de case un quilómetro, levarán recollida de pluviais e tamén as instalacións precisas para poder levar alumeado público á zona nunha seguinte fase”. Unhas obras que comezaron esta mesma semana e que estarán rematadas antes de que finalice o vindeiro mes de agosto.

As sendas peonís de Baxoia terán as mesmas características cás outras cinco sendas existentes en Oroso, é dicir, terán un ancho de dous metros, cunha base de grixo artificial compactado e con quince centímetros de formigón. As obras están orzamentadas en 81.860 euros e incluídas no Plan de Obras e Servizos 2012, polo que a Deputación achegará 54.388 euros e o Concello de Oroso os 27.472 euros restantes.

Sexta senda peonil

A senda peonil de Baxoia é a sexta que se executa no Concello de Oroso nos últimos catro anos. A última delas executouse con cargo ao Fondo de Emprego e Solidariedade Local e supuxo un investimento de 80.297 euros na execución dunha senda peonil no núcleo de Vilar de Arriba, tamén na parroquia de Deixebre. De feito, as obras iniciadas esta semana son a prolongación natural da anterior senda, que une os 606 metros que separan o cruce dos Carballos (na N-550) co núcleo de Vilar de Abaixo.

Unhas obras que permitiron reducir a perigosidade por atropelos no lugar, xa que se trata dunha zona que en moitas ocasións é invadida por vehículos que circulan a alta velocidade. Deste xeito, o Concello de Oroso mellora a seguridade viaria dunha zona moi transitada, non só polos veciños e veciñas do lugar senón tamén polos peregrinos que fan o Camiño Inglés.

En total, o Concello de Oroso leva investidos máis de 730.000 euros na construción de sendas peonís no municipio, grazas á achega de 327.000 euros da Deputación Provincial presidida por Salvador Fernández Moreda; de 241.000 euros achegados pola Xunta de Galicia presidida por Emilio Pérez Touriño; e outros 80.297 euros procedentes do denominado “Plan ZP”. Unhas cifras ás que hai que engadir os 81.860 euros da senda peonil de Baxoia.

Eses 730.000 euros permitiron “mellorar a seguridade viaria dos veciños e veciñas das parroquias orosás, polo que son moi valoradas pola veciñanza, e supoñen un paso máis na nosa intención de conectar as parroquias co núcleo de Sigüeiro a través duns camiños seguros polos cales poidan pasear os nosos veciños e veciñas”, explica o alcalde de Oroso, Manuel Mirás Franqueira.

As primeiras en executarse foron as que unen o núcleo de Sigüeiro coa Estación de Vilacide. Un total de 1,3 quilómetros na marxe dereita da AC-461 que unen o remate das beirarrúas da Estación de Vilacide coa rúa do Portiño (Sigüeiro). Son, canda as que unen Sigüeiro e Porto Avieira, das máis utilizadas. Paralelamente realizáronse sendas no núcleo do Castro, na parroquia de Trasmonte. Foron 900 metros de sendas ao longo da AC-460 que, ao igual cás de Vilacide, foron subvencionadas pola Xunta de Galicia, titular de ambas as vías.

Finalmente, a colaboración entre o Concello de Oroso e a Deputación provincial permitiu executar dúas sendas peonís na estrada DP-3801, concretamente ao seu paso polas parroquias de Vilarromarís e A Gándara, nas que se investiron máis de 327.000 euros. A primeira senda discorre entre os puntos quilométricos 1,100 e 2,170 da DP-3801 e conecta Sigüeiro con Porto Avieira; mentres que a segunda senda vai dende o pq. 4.030 ao pq. 5.010, entre o campo de fútbol de Vilarromarís e o seu camposanto, dando tamén servizo ao alumnado do Colexio Rural Agrupado.

Seguridade viaria

Ademais deste importante investimento na seguridade viaria dos veciños e veciñas de Oroso, o Concello tamén realizou un importante desembolso na execución de distintos tramos de beirarrúas no municipio. As últimas tiveron lugar en Sigüeiro, concretamente na avenida de Compostela, na rúa do Portiño e na avenida da Garabanxa. A elas hai que engadir as que se están a executar nestes momentos na parroquia de Senra, que teñen un orzamento de 282.000 euros.