subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

Manuel Mirás pídelle celeridade á Deputación na licitación e adxudicación das obras de construción das beirarrúas de Senra.


O BOP de hoxe publica a aprobación do plan, orzamentado en máis 273.000 euros, debido a que adxudicatario orixinal das obras entrou en concurso de acredores.

O alcalde de Oroso, Manuel Mirás Franqueira, celebra o anuncio da aprobación da primeira fase do Plan de Conservación de Travesías 2013, que permitirá rematar as obras de construción das beirarrúas de Senra, e que publica o Boletín Oficial da Provincia do martes 26 de febreiro. Un plan orzamentado en 273.655,43 euros que a Deputación se viu obrigada a aprobar despois de que a empresa adxudicataria orixinalmente das obras en 2012 entrase en concurso de acredores e deixara os traballos a medio facer.

O alcalde orosán celebra o avance pero pídelle celeridade á Deputación xa que “son unhas obras que acumularon moito atraso na súa tramitación e agora, cando comezaron, resulta que quedamos coas obras a medias, o que ocasiona moitas molestias tanto aos condutores que circulan por esa estrada como aos veciños de Senra, que son os que sofren a diario que as obras estean a medio facer”. Como os traballos teñen que volver saír a licitación, Manuel Mirás pídelle á Deputación “que axilice no posible os prazos para que as obras poidan finalizar canto antes, pola seguridade e o benestar dos nosos veciños”.

Obras sen finalizar

O BOP publica a aprobación da primeira fase do Plan de Conservación de Travesías 2013: terminación da mellora da seguridade viaria da DP-38011 Sigüeiro-San Mauro (Frades), entre os puntos quilométricos 8,04 e 8,9, por un importe de 273.655,43 euros. Unhas obras que foran adxudicadas no primeiro semestre de 2012 a Construcciones Galdiano SA, empresa que iniciou os traballos o pasado verán pero que entrou en concurso de acredores despois de certificar a metade da obra. Isto supuxo que os beiravías da estrada estean levantados e os veciños teñan que circular pola propia estrada, molestias e inseguridades que se incrementan co mal tempo propio destas datas.

As obras consisten na construción de 1,6 quilómetros de beirarrúas, 800 metros por cada lado da estrada DP-3801 Sigüeiro-San Mauro. O proxecto inclúe tamén a instalación de recollida de pluviais e fecais, así como o soterramento do alumeado público. A Deputación Provincial é a encargada de executar as beirarrúas e, unha vez rematadas, o Concello de Oroso encargarase da súa conservación e mantemento.

Orixinalmente, estas obras foron incluídas na primeira fase do Plan de Travesías 2011 da Deputación da Coruña cun orzamento de 416.469,8 euros. A obra foi adxudicada á empresa Construcciones Galdiano SA por 282.699,7 euros. A entrada en concurso de acredores desta firma fixo que a Deputación tivese que aprobar un novo plan, cun orzamento de licitación de 273.655,43 euros.