subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O Concello de Oroso investirá case 170.000 euros en melloras viais, saneamento e recollida de pluviais na parroquia de Oroso.


Os traballos terán unha duración máxima de 4 meses.

orosoO Concello de Oroso vai investir case 170.000 euros nun intenso programa de melloras na parroquia de Oroso que inclúe instalación de saneamento en A Igrexa, adecentamento e ampliacións de viais nesta parroquia e instalación dunha rede de evacuación de augas pluviais nos lugares de A Penela e O Cruceiro. Uns traballos incluídos no POS 2013 e que veñen de ser adxudicados polo Concello de Oroso, polo que se executarán ao longo dos próximos 4 meses.

O alcalde en funcións de Oroso e concelleiro de Vías e Obras, Eduardo Veiras, adianta que “mañá mesmo formalizarase o contrato, polo que agardamos que os traballos empecen canto antes”. O proxecto máis importante, orzamentariamente falando, é a instalación de saneamento en A Igrexa, que ascende a 116.325 euros. “Ademais de instalar o saneamento, tamén ampliaremos a calzada en pavimento, de xeito que quedará unha pequena zona onde poderán aparcarse coches sen as dificultades que existen agora”, adianta Veiras Rey.

Deste xeito, o Concello de Oroso vén complementar a que é a obra hidráulica máis importante feita no municipio: a rede de sumidoiros que une as localidades de Sigüeiro, Oroso e Deixebre a través da N-550. Unha rede que entrou en funcionamento en outubro de 2010 e supuxo un investimento de máis de 800.000 euros.

Arranxo de viais

O segundo proxecto está orzamentado en 53.000 euros e inclúe o adecentamento e ampliación de viais nos lugares de A Penela e O Cruceiro, así como a instalación dunha rede de evacuación de augas pluviais. “Imos ampliar varias pistas como a que vai do campo da festa ao tanatorio, unha das paralelas á N-550 e tamén en A Penela, xa que se trata dunha zona onde a pista é moi estreita e que ten bastante tráfico, sobre todo cara o camposanto”, sinala Eduardo Veiras.