subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

Comezan as obras de mellora do gran parque infantil de Sigüeiro, nas que o Concello de Oroso inviste máis de 40.000 euros.


O chan de area será substituído por outro de caucho especialmente pensado para mellorar a seguridade dos máis pequenos.

orosoO Concello de Oroso vén de iniciar as obras de mellora do parque infantil máis grande do municipio, situado no inicio do Paseo do Carboeiro (Sigüeiro), a carón do Centro Cívico. Uns traballos nos que o Concello de Oroso inviste máis de 41.000 euros e que teñen un prazo de execución de 4 meses, se ben Eduardo Veiras, concelleiro de Vías e Obras, estima que “a principios de novembro deberían estar rematados os traballos, incluso a finais deste mes de outubro se non chove moito, pois para instalar o novo material do chan que rodea aos xogos é preciso que non chova”.

As obras consisten no cambio do pavimento do parque, actualmente de area, que será substituído por outro de caucho especialmente pensado para mellorar a seguridade dos máis pequenos (no entorno dos xogos) e outro de formigón no resto do recinto. Así mesmo, acometeranse traballos de recuperación e reparación de todos os xogos do parque e o Concello de Oroso instalará uns bancos na zona, para que poidan ser utilizados polos maiores que a diario acompañan aos seus netos a estas instalacións.

Estes importantes traballos de mellora neste parque infantil únense aos acometidos a principios de verán, momento no que se incrementou a superficie do parque e tamén o número de xogos dispoñibles para os cativos. Así mesmo, tamén se realizou un novo peche perimetral do recinto para incluír nel o novo espazo de xogos.

Outras actuacións

Coa mellora do parque infantil de Sigüeiro, o Concello de Oroso segue traballando na súa decidida aposta por incrementar e mellorar este tipo de instalacións no municipio, consciente do gran número de cativos residentes no municipio. Así, nos últimos seis meses puxéronse en marcha dous novos parques infantís: o primeiro instalado a carón da escola unitaria da parroquia de Oroso e o segundo a carón da piscina municipal de Sigüeiro. Dúas instalacións que contan coa mesma dotación: bambán, tobogán e balancín.

Así mesmo, en 2010 o Concello de Oroso tamén instalou parques infantís a carón das escolas unitarias das parroquias de Senra, Deixebre e Trasmonte, ademais de remodelar e mellorar o parque situado na praza Alexandre Bóveda (Sigüeiro).