As obras de alumeado público e zonas peonís na estrada que une os núcleos de Vilalbarro e O Cruceiro coa N-550 comezarán este verán.
As obras da primeira fase do proxecto de preinstalación de alumeado público e de zonas peonís na estrada que une os núcleos rurais de Vilalbarro e O Cruceiro coa estrada N-550, ao seu paso pola parroquia de Oroso, comezarán este verán. Así o anuncia o alcalde de Oroso, Manuel Mirás, quen explica que “decidimos que as obras se executen durante o verán xa que se trata do tramo que afecta a un maior número de vivendas, polo que así lles evitaremos aos veciños as molestias que poderían causar estes traballos se se executasen cun tempo chuvioso como ao actual, xa que se enlamarían os accesos as vivendas”.
O pleno municipal extraordinario celebrado esta mañá aprobou definitivamente o proxecto de expropiación dos terreos precisos para a execución destas obras, logo de estimar parcialmente as alegacións duns particulares. O pleno de Oroso aceptou indemnizar a estes veciños polas árbores incluídas nos terreos expropiados, que inicialmente non foran contempladas na taxación da expropiación realizada, e non aceptar a paralización das obras. A unanimidade que o pleno manifestara na aprobación desta expropiación en marzo de 2013 non se mantivo esta mañá, xa que o Partido Galeguista optou nesta ocasión pola abstención. Os grupos municipais socialista, popular e nacionalista mantiveron o seu apoio ao proxecto.
Agora, o Concello de Oroso notificará este acordo aos dous veciños afectados e procederá ao ingreso bancario correspondente. Mirás indica que “o proxecto xa está listo para licitación, polo que agardamos que no mes de xuño xa podan comezar as obras”.
Modificacións
Por outra banda, o pleno municipal aprobou definitivamente (cos 12 votos a favor de PSOE, PP e BNG e coa abstención do Partido Galeguista) o estudo de detalle promovido pola Xunta de Compensación da área de Reparto número 1, polígono 2, “Río Carboeiro I” , co obxecto de readaptar as aliñacións nunhas vivendas mantendo o seu volume e desprazándoo cara o interior do rueiro debido á existencia dunha tubaxe de gas que impide calquera obra nas proximidades.
Finalmente, o pleno municipal aprobou provisionalmente as correccións introducidas polo Servizo de Urbanismo da Xefatura Territorial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas no documento de aprobación provisional da modificación puntual número 4 (parque empresarial de Sigüeiro), do Plan Xeral de Ordenación Municipal. Unha aprobación que contou novamente cos 12 votos a favor de PSOE, PP e BNG e co voto en contra do Partido Galeguista.