subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

Manuel Mirás e Diego Calvo asinan un convenio de colaboración para financiar a reurbanización da rúa do Tambre (Sigüeiro).


O proxecto está orzamentado en 135.000 euros e recolle a ampliación das beirarrúas, a eliminación de barreiras arquitectónicas e a renovación das redes de alumeado e de augas pluviais.

orosoO presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, e o alcalde de Oroso, Manuel Mirás Franqueira, asinaron un convenio de colaboración polo que a entidade provincial achegará 105.000 euros para financiar a reurbanización da rúa do Tambre (Sigüeiro). O Concello de Oroso achegará os outros 30.000 euros necesarios para a execución da obra con cargo a fondos propios.

Manuel Mirás agradeceu o compromiso da Deputación, asegurando que “axudas como esta demostran que esta é unha Deputación para todos os Concellos, é o Concello de todos os Concellos”. Diego Calvo, pola súa banda, insistiu na importancia de axudar aos distintos gobernos locais neste tipo de obras.

Con esta partida provincial, que supón preto do 80% do total do orzamento da obra (135.000 euros), poderanse ampliar as beirarrúas e eliminar as barreiras arquitectónicas para facelas máis accesibles. Unha situación que é de especial importancia nesta rúa, onde os accesos aos distintos garaxes fan que as beirarrúas conten con variados e perigosos desniveis que dificultan o tránsito a persoas con mobilidade reducida e mesmo poden supoñer risco de caídas para os peóns.

Así mesmo, está prevista a renovación das redes de alumeado público subterráneo e a de augas pluviais. Manuel Mirás explica que o obxectivo do Concello é comezar as obras canto antes para telas executadas antes de que remate o ano. Deste xeito, o Concello de Oroso continúa coa súa aposta de mellorar as principais rúas da súa capital municipal, como fixera en anos anteriores coa rúa do Portiño ou a rúa Xuncal. Dúas obras nas que o Concello de Oroso tamén contou coa colaboración da Deputación da Coruña. Así mesmo, ao longo de 2014 o Concello de Oroso tamén contempla outros traballos de mellora en Sigüeiro, como a instalación de saneamento nas rúas do Barreiro e da Ulloa, nas que investirá 44.000 euros.