subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O Concello de Oroso inviste 35.000 euros en recuperar a fonte e o lavadoiro de Piñeirón, que habilitará como área de lecer para os veciños.


Trátase dunha das peticións realizadas pola veciñanza desta localidade da Gándara durante un Encontro co Alcalde.

orosoO Concello de Oroso está a recuperar a fonte e o lavadoiro de Piñeirón, na parroquia de Gándara, respondendo así a unha petición expresa dos veciños e veciñas desta localidade durante un dos Encontros co Alcalde celebrados por Manuel Mirás. Tanto a fonte como o lavadoiro se atopaban nun avanzado estado de deterioro, sobre todo no que atinxe á canalizacións das augas, que vertían ao terreo continuo e daban lugar a unha poza que dificultaba o acceso ao lugar.

As obras que se están a acometer na zona supuxeron a substitución da cuberta do lavadoiro por outra de tella cerámica e o reforzamento da súa estrutura, así como a canalización da auga procedente da fonte, que tamén será arranxada, para evitar vertidos e garantir un mellor subministro tanto á fonte como ao lavadoiro. Ademais, o Concello de Oroso instalará nesta zona, que ocupa unha superficie de 174 metros cadrados, unha pavimentación en lousa de granito e construirá un murete de contención dos terreos ao longo do camiño, xa que discorre por unha cota máis elevada ao lavadoiro.

O alcalde de Oroso, Manuel Mirás, explica que “a nosa intención é converter este espazo nunha área de ocio para os veciños e veciñas do Piñeirón, xa que se trata dunha contorna de alto valor paisaxístico e pola que transitan moitos veciños”.