subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O Concello de Oroso dota de calefacción a seis locais sociais do municipio.


Inviste máis de 10.000 euros na instalación de estufas de pellets nos locais sociais de Cachopal, Deixebre, Garabanxa, Oroso, Trasmonte e Vilarromariz.

orosoO Concello de Oroso vén de investir máis de 10.000 euros na instalación de calefacción en seis locais sociais do municipio: Cachopal (Os Ánxeles), Deixebre, Garabanxa (Calvente), Oroso, Trasmonte e Vilarromariz. O alcalde de Oroso, Manuel Mirás, e o concelleiro de Obras e Servizos, Eduardo Veiras, revisaron o correcto funcionamento destas instalacións, incluídas dentro do Proxecto de Equipamentos térmicos de biomasa para o ano 2016, cofinanciados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do Programa Operativo Feder-Galicia 2014-2020.

Eduardo Veiras amosouse moi satisfeito cos equipos instalados xa que “se trata dunhas estufas de pellet moi seguras, moi doadas de manexar e que permitirán optimizar a utilización destes locais sociais pola veciñanza, facilitando a celebración de máis actividades culturais, formativas e de ocio, sobre todo durante o inverno”. Precisamente por iso, Manuel Mirás confirmou que “hoxe poñemos en marcha o sistema de calefacción en seis das once parroquias de Oroso. Nunha segunda fase levaremos tamén as estufas de pellet para calefactar os locais sociais de Cardama, Gándara, Marzoa, San Román de Pasarelos e Senra, completando así todos os locais do municipio”.