subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

900.000 euros de investimento en obras para mellorar os servizos das parroquias.


orosoO Concello de Oroso acometerá a curto prazo diferentes obras nas parroquias do municipio, todas elas encamiñadas a mellorar os servizos do rural e froito das conversas do alcalde, Manuel Mirás, cos veciños. O investimento rondará os 900.000 euros.

Algúns destes proxectos están incluidos no Plan de Obras e Servizos (POS) da Deputación da Coruña e outros serán asumidos con fondos propios do Concello de Oroso, grazas á boa situación económica das arcas municipais. O alcalde confía na boa disponibilidade das empresas adxudicatarias para comezar os traballos nun prazo máximo de dous meses.

Entre as obras, destacan os 327.000 euros que irán a mellorar os camiños e vías con traballos de aglomerado e asfaltado en Piñeiro; A Costa e Zan (Trasmonte); Piñeirón; A Falmega; A Igrexa (A Gándara); Mixoi; Castiñeiro Redondo e Urbanización Porto Avieira.

Haberá un investimento de 106.000 euros no aglomerado da pista que une Cachopal coa igrexa de San Mamede e 20.000 euros para a acometida de auga de Cachopal a Sar. Tamén comezarán os traballos da senda de acceso ao refuxio (125.768 euros). Outra partida de 70.000 euros irá á primeira fase da pista da parroquia de Senra (de Couso a Ponte Carollo); 50.000 euros para as beirarrúas de O Barreiro; e 55.000 euros para os accesos ao polígono de Sigüeiro.

Por último, destacar os 60.000 euros para as obras de ampliación da escola infantil Ulloa (xa comezadas), e dúas partidas de 60.000 e 18.000 euros para as reformas da rúa Ulloa e o parque infantil de Sigüeiro.

“Cumprimos o noso programa e escoitamos as demandas dos veciños”, sostén Manuel Mirás, satisfeito ademais “pola situación saneada das contas do concello, o que nos permite ter un ritmo constante de obras de mellora de servizos en todo o concello”.