Nova fase do plan integral para mellorar a seguridade viaria nas parroquias
O grupo de goberno do Concello de Oroso, liderado por Manuel Mirás, puxo en marcha este mes de febreiro unha nova fase do seu plan integral para mellorar a seguridade viaria nas parroquias do municipio.
Esta semana, instalouse nova sinalización horizontal e vertical nun cruce en Vilar de Abaixo, na parroquia de Deixebre, concretamente na estrada que une Os Carballos con Recouso. “Coas sinais e as bandas rugosas, aumentamos a seguridade, tanto dos automóbiles como dos peóns”, afirma Antonio Leira, concelleiro de Tráfico (adxuntamos fotografías).
Nestes días instalarase tamén nova sinalización e un paso para peóns á altura da estación de servizo de Os Carballos, preto xa da Nacional 550. Hai previstas a curto prazo outras actuacións, en concreto ao carón do local social e a escola unitaria da parroquia de Trasmonte.
“Son melloras na sinalización que demandan os veciños e veciñas nas reunións que mantemos con eles; o asfaltado de camiños mellora a circulación, pero temos que facilitar tamén a seguridade dos peóns”, engade o alcalde de Oroso, Manuel Mirás.
Xunto a estas iniciativas de seguridade viaria, o concello continúa o seu plan de humanización do municipio, tanto no centro como nas parroquias, coa instalación de bancos para descansar, papeleiras ou marquesiñas cubertas nas paradas de autobús.